Desde que se resolveu o concurso eólico, por parte da Consellería de Industria, semella que hai un antes e un despois na actitude que mantén o xornal La Voz de Galicia a respeito do nacionalismo. Cóntanse cos dedos das mans os días nos que nas súas páxinas, dun xeito sempre destacado, non aparece unha presunta trasnada, división interna, radicalismo gratuíto, ou corrupción, do nacionalismo galego. En fin, ate o máis inxenuo pode albiscar que se trata dunha campaña deste medio planificada pra evitar que se poda consolidar a resolución do concurso eólico, na que ficaron excluídos grandes grupos económicos tanto con capital galego como español.
Todo parece indicar que este medio representa a opinión, dentro das clases dominantes, de poderosos empresarios con base en A Coruña que arremeten contra o nacionalismo galego desde fai décadas, con maior ou menor intensidade segundo o momento. Lembremos cando nos primeiros anos da transición ligou, sen probas, ao nacionalismo popular cos incendios forestais, coa única finalidade aplicando un pouco de lóxica de evitar o rápido medre das forzas que loitaban pola liberación nacional e social de Galiza. Desde aquela este xornal nunca deixou de atacar ao nacionalismo, as veces directamente e outras ao traveso de plumas como as de Pedro Arias e Blanco Valdes, que non necesitan de alento pra tan colonial tarefa.
Agora ben, nos últimos anos, de vagar primeiro, e agora aceleradamente, La Voz de Galicia, todo reflicte que tomou a decisión de utilizar todos os medios pra intentar afundir o barco nacionalista. A editorial do seu propietario alentando os motivos polos que se convocaba a manifestación en Compostela contra a normalización da lingua galega (por certo un decreto aprobado no seu día polos tres partidos do Parlamento), buscando a proteción artificiosa de que fora condenado por Franco por facer todo o contrario durante a ditadura, non é arroupe abondo como pra non deixar ollar con claridade a intención última, ao que se une ademais a vehemencia da exposición.
Diante de todos estes ataques hai "almas cándidas" que desde o nacionalismo (ou nas súas beiras), por razóns obxectivas ou simples ancios de salientar, por ignorancia ou sinxelamente mala hostia, están dispostos a encher páxinas e titulares coa súa crítica ou cabreo (que aproveita o xornal pra lexitimar a campaña, e sobredimensiona) contando as presuntas falcatruadas do nacionalismo. Son feitos que nunca se poden evitar. Porén que se debían rebaixar á mínima expresión se os despistados foran quen de comprender cada momento histórico, tendo en conta a acumulación de forzas, onde está o centro da batalla, e a quen sirve cada paso que se dá. Non estou argumentando a prol de rebaixar o grau de debate (do que sempre fun partidario), e moito menos de non atacar calquera falcatruada ou ación trabucada, senón de facelo axeitadamente... como, cando, e onde corresponde. Nunca dándolle munición aos que despois utilizan todas as armas contra o nacionalismo, sen ningunha obxectividade, malia que son un servizo público.
Como dicía, coido que non é casual o ataque contra o nacionalismo neste intre. Por unha banda están as eleicións (e o concurso eólico, ao que lle adicou unha morea de tinta día tras día) e pola outra a crise, onde o sindicalismo nacionalista, e o nacionalismo no seu conxunto, mantén unha postura de denuncia dos grandes grupos económicos, alenta a mobilización social (mesmo anuncia unha folga xeral), esixe responsabilidades, e propón medidas que afortalen o sistema produtivo e as infraestruturas, a proteción social e o emprego de calidade (todo o contrario do que alenta o neoliberalismo). Desde a Voz de Galicia predícase, como se fora un reclamo popular, un governo bipartito entre os populares e socialistas, pra conseguir unha nova maioría social que bascule á dereita á Xunta de Galiza. Unha saída que todo indica entronca cos anceios dos sectores máis poderosos da economía galega, preocupados pola crise e as mobilizacións sociais, e que devecen por recuperar pra o beneficio privado actividades económicas hoxe públicas, así como botar abaixo o plano eólico. O obxectivo é diminuír o peso do nacionalismo virando á dereita o bipartito, e mesmo premer pra conseguir unha alianza do PP e o PSOE mudando o centro de equilibrio da Xunta de Galiza.
De todos os xeitos a actitude deste xornal é arriscada, porque, se o nacionalismo galego mantense ou sube en representación, resultará moi evidente que non ten o peso que di ter na sociedade galega, na formación ou distorsión da conciencia social e política do país. Daquela tampouco terán razóns de peso os que, desde dentro do nacionalismo popular, utilizan o argumento dos medios de comunicación e dos grandes grupos económicos pra realizar políticas máis mornas e adiar no tempo respostas urxentes.
En resumo, a loita de clases e nacional está ao vermello, e o próximo un de marzo todos os galegos e galegas seremos protagonistas, ninguén poder fuxir, nen manterse á marxe, de decidir pra onde se ten que inclinar a balanza, cal será o chanzo desde o que traballaremos social e politicamente nos vindeiros catro anos.