Unha xuntanza que para Clodomiro Montero, secretario nacional da federación de Banca, Aforro, Seguros e Oficinas da CIG "chega tarde". Montero lembrou que xa no mes de xullo a CIG mantiña que o futuro das caixas galegas "debería decidirse cun amplo consenso social, político e sindical" e que o Presidente da Xunta tiña que liderar ese consenso.
O atraso na toma de posición do goberno galego permitiu "que se xerase unha grande incertidume e especulacións públicas en torno ás caixas de aforros que non foi positivo, nin para as propias caixas, nin para os/as traballadores/as. Teríamos evitado un espectáculo como ao que estamos asistindo e un reforzamento das posicións localistas e personalistas", engadiu.
O secretario nacional da federación de Banca lamentou, ademais, que fora necesario mobilizar aos delegados/as das caixas e mesmo convocar unha concentración, hai unha semana, diante da consellaría de Facenda, para que finalmente se chegara a adoptar esta decisión.
Fusións a dúas bandas
Respecto das noticias que se veñen publicando nestes últimos días sobre unha posíbel absorción de Caixa Galicia por Caja Madrid ou a posíbel constitución dun SIP por parte de Caixanova, Montero advertiu do grande custo que tería porque "non é máis que a división, o desguace, a redución e a deslocalización da caixa de aforros do Sur de Galiza"
Para a CIG, segundo explicou o secretario xeral, Suso Seixo, é imprescindíbel que se modifique, de contado, a Lei de Caixas de Aforro de Galiza "para blindar estas entidades ante este tipo de fusións; para que a Xunta de Galiza teña capacidade de veto, non só canto a fusións con entidades de fóra, senón tamén á constitución dun SIP; para que se clarifique cal ten que ser o papel das caixas de aforro no país; como deben ser os seus órganos de dirección e xestión e que non continúen a facer unha política especulativa, cando tiñan que centrarse en apoiar o tecido produtivo".
A CIG anunciou a convocatoria dunha manifestación, o próximo día 4 de decembro en Compostela, para esixir un pronunciamento público tanto de Caixa Galicia como de Caixanova contrario a calquera fusión ou constitución dun SIP con entidades de fóra. Nesa mobilización tamén se demandará un pronunciamento semellante do goberno galego e que se recorra a todos os mecanismos legais e políticos para impedir que unha fusión destas características se produza.
O menor impacto posíbel sobre o emprego
A CIG entende que, a estas alturas do debate, é inevitábel que se produza unha fusión, xa que tanto o Banco de España como o FROB están forzando ese camiño. Ante esta situación, a central aposta porque se produza entre as caixas galegas, e co menor impacto posíbel sobre o emprego.
"Non pode haber despedimentos masivos, nin pode haber solucións traumáticas, nin co emprego directo, nin cos traballadores e traballadoras das empresas de servizos que traballan para estas entidades", subliñou Seixo quen matizou que "calquera fusión coas caixas de fóra provocaría unha maior perda de postos de traballo".
CCOO e UGT
Ante calquera proceso de fusión que implique as caixas galegas, o Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) esixirá o mantemento dos postos de traballo, o mantemento da natureza xurídica, a continuidade do modelo social na xestión e a garantía de inclusión financeira.
Sobre a preocupación polos postos de traballo tamén se manifestou en declaracións a este xornal o secretario xeral da Federación de Servizos de UGT Galicia, Ernesto Fontanes, quen ademais deixou tamén constancia da súa inquedanza cando afirmou que "calquera decisión que se produza vai ter repercusións sobre o que nós representamos, que son traballadores".
Sexa como for, CCOO considera que no escenario actual a aposta preferente debería ser a concentración de entidades, pero descartando a absorción das caixas galegas por parte dalgunha das grandes caixas doutras comunidades autónomas.
A análise realizada polo sindicato sinala que a concentración permitiría acometer mellor os necesarios procesos de recapitalización, o que implicaría a mellora da competitividade e da eficiencia den pór en risco a natureza xurídica. Neste marco, Comisións sinala que a creación do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), que pon ao dispor das entidades que se fusionan ata 99 mil millóns de euros, é «unha ocasión» para a recuperación económica que non se debe desaproveitar.
"Os executivos das caixas teñen que dicir, pero non que decidir"
O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, afirmou esta mañá en rolda de imprensa que "nen Rajoy nen José Blanco nen Miguel Ángel Fernández Ordóñez son os que teñen que decidir o futuro das caixas galegas". E engadiu: "Téñeno que decidir a sociedade galega e os poderes democráticos que a representan".
Vázquez expresou o "agradecimento" ao presidente da Xunta pola "prontitude" coa que respostou "e de maneira satisfactoria" á demanda do BNG -vehiculizada através dunha carta que se enviou o luns- de que se convocase unha reunión dos tres líderes galegos.
Agarda o líder nacionalista que a reunión sirva, en todo caso, para "avanzar nunha posición de País arredor do principio de que o centro de decisión das caixas fique en Galiza". "Non serviría de nada reunirse para expresar que aquí non hai nada que facer, ou para emitir unha queixa sobre as dificultades do asunto", engadiu.
Esclareceu que Feijóo terá "todo o noso apoio" para "garantir que o centro de decisión das caixas fique en Galiza", pero "evidentemente non contará con nós se é simplesmente para renderse ou para dicir que aquí non hai nada que facer".
Chamou ao consenso para construír unha "posición de País" e nesa dirección afirmou que sería "unha mostra de boa vontade e da decisión de avanzarmos con rapidez na boa dirección" que o Partido Popular apoiase a toma en consideración o próximo martes da proposición do BNG para a reforma da Lei de Caixas.
O consenso pasa pola toma en consideración da proposición de lei das caixas
Neste sentido, o líder nacionalista enfatizou que non se trata de que "a nosa proposta vaia ser a futura lei de caixas", senón de que "se apoie a súa toma en consideración para que comecemos o debate".
Inquerido sobre a reunión que van celebrar este luns o presidente da Xunta cos directivos das caixas, manifestou que "os executivos das caixas teñen que dicir sobre este asunto, pero non que decidir. Os que teñen que decidir é a sociedade galega e os poderes democráticos que a representan".
Mobilización social
Por último, o portavoz nacional anunciou que o BNG está disposto "a favorecer todas as mobilizacións sociais que sexan posíbeis para defender o País de calquera presión externa".
"O que nos xogamos é tan vital como que os nosos aforros non sirvan para financiar o desenvolvimento doutros territorios", engadiu.
2 comentario/s en "Ante a xuntanza do venres sobre as caixas os sindicatos anuncian a súa preocupación polo emprego"
2.-xan carballo dixo:
Tranquilos os empregados e desempregados, o PP ten a solución; faite amighiña/o deles e preséntate a unha oposición. Ver OPE Enfermería; Membro Suplente do Tribunal en REA do Hospital Clínico = 4 enfermeiros de REA aprobados con máis de 90 puntos sobre 100, por certo estes superdotados suspenderan nas últimas oposicións.
En fin, Galicia co PP o caciquismo outra ves.
23 de Novembro do 2009, 11:28
1.-Xosuelo dixo: