Martes, 09 de Febreiro do 2010
Actualizado ás 08:54 - Na rede dende Decembro de 2006
GZ nación
Galiza
[GZnación / Redacción] 17 de Novembro do 2009

ENSINO

O TSXG fai prevalecer os dereitos do galego sobre o autoodio dun cidadán

Varios colectivos valoraron a sentenza emitida polo TSXG a respecto dun pai que pedía que o seu fillo fose escolarizado exclusivamente en castelán. O alto tribunal non autorizou a petición do recorrente, esixindo ademais o tratamento conxunto dese idioma


O presidente da Mesa, Carlos Callón
O presidente da Mesa, Carlos Callón

A sentenza do tribunal Supremo dá validez definitiva á sentenza anterior, emitida o 21 de novembro de 2007 pola Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que daquela fallara en contra do recorrente, motivando o seu fallo no seguinte argumento, entre outros a circunstancia de coexistir dúas linguas na Comunidade Autónoma non só autoriza, senón que exixe o seu tratamento conxunto e a exixencia da galega nos niveis de estudos non universitarios.

Para a CIG-Ensino, esta sentenza pon en cuestión as enquisas realizadas por Educación no mes de xuño e os seus resultados. Aos ollos do sindicato, esta sentenza "é unha nova chamada de atención para a Administración galega", pois deslexitima os argumentos empregados polo actual goberno para cuestionar o Decreto 124 e iniciar a súa derrogación.

Ao mesmo tempo, os argumentos xurídicos da sentenza que vén de ser confirmada desautorizan igualmente a consulta realizada no mes de xuño pola Consellaría de Educación e deixa perfectamente claro que lle corresponde á Administración velar polo cumprimento da lexislación e, por tanto, cumprir o que recollen o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística en que se establece que os poderes públicos procurarán o normal desenvolvemento do noso idioma.

BNG

Pola súa banda, os portavoces do BNG en materia de Lingua e de Ensino, Bieto Lobeira e Carme Adán, aseguran que o fallo do Tribunal Supremo "desmonta as mentiras do Partido Popular e dos grupos extremistas aos que apoia, como Galicia Bilingüe, sobre a imposición do galego, e reafirma o dereito dos nenos e nenas e aprenderen galego".

Os deputados do BNG consideran que o fallo do Tribunal Supremo "debe facer reflexionar ao Goberno do PP para que se manteña no consenso acadado no PXNL e pensarse mellor en dar cobertura a grupos extremistas como Galicia Bilingüe que o que pretenden é eliminar o galego do sistema educativo".

A Mesa

Ao respecto tamén se pronunciou o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, quen valorou a dita sentenza "como a ratificación de que o decreto en vigor non discrimina o castelán e de que non existe o dereito a ignorar o galego". Para Carlos Callón, que compareceu hoxe en conferencia de imprensa, o ditame da Xustiza "desmonta os postulados contra o galego no ensino que vén defendendo Alberto Núñez Feijóo desde a precampaña, cando, de forma incívica, decidiu levantar a bandeira do odio contra o noso idioma".

O portavoz da Mesa preguntouse hoxe se "Alberto Núñez Feijóo vai seguir coas súas mentiras ou vai escoitar a sociedade, as comunidades educativas e os tribunais". "A sociedade galega merece un presidente que escoite", concluíu.



1 comentario/s en "O TSXG fai prevalecer os dereitos do galego sobre o autoodio dun cidadán"

1.-Eu dixo:

É que ningún pai ten dereito a privar o seu fillo de coñecer o galego. É xusto ao revés, é o neno quen ten dereito a ser bilingüe independentemente dos prexuízos do pai. Na casa que lle fale o que lle pete, o sistema educativo debe garantir que poida desenvolverse en galego.

  • Vota o comentario:
  • positivo
  • +14
  • negativo

18 de Novembro do 2009, 09:50

1
DEIXAR COMENTARIOS






  • Elixe emoticonas:
  • calado
  • anoxado
  • superfeliz
  • feliz
  • sorprendido