Unha cousa queda clara: hai menos cartos, pero as ganas parecen ser as mesmas. Todos os orzamentos para as celebracións de festas en concellos, vilas e parroquias sofren en maior ou menor medida os efectos da crise. Nas pasadas festas da Ascensión o concello de Santiago de Compostela rebaixou en case 80.000 euros os cartos para a festa, deixando o montante final en 208.500 euros. Pola súa banda, a malograda economía do concello de Ourense tamén se fai notar nos cartos que a concellaría de Cultura achega ás festas patronais, que pasou dos 360.000 euros do 2008 aos 175.000 deste ano. A cidade máis grande de Galiza, Vigo, non se libra tampouco da crise, e rebaixa en medio millón de euros o seu orzamento para as festas do verán deste ano con respecto ás do ano pasado.
Pero até que punto afecta a crise ao negocio que rodea as festas populares galegas? Moitas son as familias que viven destes acontecementos populares. Centos de orquestras, barracas, fogueteiros, ... distintos sectores que verán reducidos os seus ingresos.
Orquestras con esperanzas
Se contabilizamos as orquestras galegas, pasaremos dos dous centos rapidamente. Hai moita variedade, pero hai algunhas, as grandes, que até teñen clube de fans que os segue por todas as vilas galegas. Nin Xoan Pardo non seus mellores tempos. A Paris de Noia, a Olympus, a Panorama ou a Philadelphia son as grandes entre as grandes. Pero a parte delas hai moitas máis, modestas, en todo o país. Dependentes delas hai centos de persoas que na época estival gañan para o resto do ano, polo que na economía familiar galega se fai notar se hai ou non crise.
Se falamos de orquestras, vennos á cabeza "Espectáculos Lito", que xestionan na súa empresa máis de 80 orquestras e grupos musicais. Rafael Arca, un dos seus vendedores, comenta que "a crise non a estamos notando en gran medida", sobre todo porque todos estes espectáculos "se contratan dun ano para outro", é dicir, que xa quedan apalabradas as orquestras dun ano para o seguinte.
Ante a posibilidade de que os prezos das orquestras sexan moi altos, xa que a diferenza entre unha das máis caras e un grupo modesto pode haber unha diferenza de 9.000 euros. Rafael Arca especifica que "non variamos moito os prezos, aínda que tampouco os subimos xa que sabemos como están as cousas".
Na banda dos máis pequenos, dos que non son representados por unha grande empresa, está Verónica Cambón, do grupo Costamar. Para ela "o verán sempre se presenta ben, aínda que este ano quizais se espera un pouco de baixón nas actuacións, pero esperamos que haxa moitas".
Así, ela sofre máis o golpe da crise, "está claro que afecta, e este ano moitísimo máis" especifica Verónica, e continúa dicindo que "a verdade é que nunca pasou un mes no que non saíramos a actuar algún día, pero este ano marzo e abril viñeron moito peor que mal, e febreiro salvounos o Entroido, senón ía polo mesmo camiño". Así e todo a esperanza non se perde, e Verónica di que "o verán augurase mellor, as festas non poden faltar na nosa Galiza!".
A eterna crise das barracas
O que non pode faltar nunha boa festa que se prece, con crise ou sen crise, son as atraccións das festas. Os seus responsábeis son unánimes ao falar de malos tempos. José Núñez, que rexenta o famoso "saltamontes" das festas é claro ao respecto. "A xente segue, máis ou menos igual, vindo ás festas, o que si que hai que dicir é que non estaba moi ben a situación nos últimos anos. Pero polo da crise, polo de agora non se nota moito a diferencia, eu creo que xa levamos en crise os chiringuitos das festas hai moitos anos".
Da mesma opinión é Paco, a voz da tómbola máis famosa da Ascensión de Compostela. "Home, eu creo que algo baixa, a xente reserva os cartos máis, porque non os ten, jeje, pero máis ou menos a cousa anda coma nos últimos anos".
Con todo José Núñez segue pensando que o tempo pode máis cá crise. "Este ano hai máis ou menos a mesma xente, aínda que todo depende do tempo, coma todos os anos. Nas festas máis pequenas ao mellor nótase un pouco máis que non gastan tanto".
Así pois, con ou sen crise, os galegos sabemos disfrutar das festas, e sobre todo temos ganas de celebralas. Así que só nos cabe esperar que o tempo as respecte.
0 comentario/s en "Con ou sen crise os galegos queren troula"