O meu perfil
CATEGORÍAS
BUSCADOR
ARQUIVO

Bilingüismo asimétrico
Hai uns días, o Partido Popular da Coruña remitiu aos medios de comunicación unha nota en protesta pola que consideran unha nova tendencia anti-bilingüismo do goberno municipal coruñés.

Demostrando unha grande capacidade analítica, este partido afirma que unha parte do goberno local esquece por completo o castelán, e mesmo piden ao alcalde que chame á orde aos díscolos concelleiros excluíntes. Resulta verdadeiramente irónico que só se alarmen cando o idioma que se esquece é o castelán, e mesmo ofensivo se pensamos na historia da institución municipal coruñesa precisamente en relación coa falta de respecto coa lingua galega.

É ben curiosa esta preocupación, que os populares coruñeses din proceder de queixas cidadás. Seguramente non terán escoitado as queixas da cidadanía polos diversos desprezos contra o galego durante tantos e tantos anos.

A miña conclusión é que só podemos estar a falar dunha nova estratexia de comunicación deste partido: procurarán contradicións nos membros do actual goberno, si, mais de paso ofenderán a todas as persoas que por máis de vinte anos quixeron, sen éxito, facer uso do galego nas súas relacións co concello coruñés; farán mofa dos veciños que nalgún momento estiveron en contra de que o concello sufragase un proceso xudicial contra o topónimo que xa levaba anos oficializado; non terán en conta aos que aínda hoxe nos indignamos porque en moitas áreas dese concello é case imposíbel recibir atención ou ler ningún documento en galego; mirarán con desprezo a todas as persoas que se mostran encantadas por que por unha vez sexa posíbel comezarmos a ver a publicidade municipal en galego.

É verdade, toda esta xente non merece nin un só segundo de respecto do seu concello pola súa lingua. Tampouco as leis que amparan o uso do galego por parte das administracións públicas parecen ser merecedoras do respecto do Partido Popular coruñés.

En definitiva, o Partido Popular da Coruña seguramente recibirá de algún veciño un dicionario como agasallo de Nadal. Iso si, vai ter que ser de castelán, visto que a outra lingua oficial parece non merecer máis que a súa indiferenza.
Comentarios (67) - Categoría: Xeral - Publicado o 02-01-2008 :
# Ligazón permanente a este artigo
© by Abertal