|
|
| Recomendacións sábado 29 e domingo 30 |
|
Co que chove e a friaxe que vai Cineuropa é o mellor plan para a fin de semana.
Sábado 29
18:15 Genova (Teatro Principal) Unha de pantasmas. A última de Winterbottom
20:00 Captain Abu Raed (Teatro Principal) Unha de contos http://www.captainaburaed.com/
22:00 Peeping Tom (CGAC) Un clásico. Un fotógrafo mata xente para facer fotos da súa expresión final http://www.imdb.com/title/tt0054167/
Domingo 30
16:00 Mongol (Aula Sociocultural Caixa Galicia) Unha peli que conta os primeiros anos da vida de Gengis Khan. Nominada ós Oscar http://www.mongolmovie.com/
22:00 Traitor (Teatro Principal) Unha de espionaxe e contraespionaxe na CIA con Don Cheadle http://www.traitor-themovie.com/
Vémonos nas salas! |
|
|
|
|
| Desculpas |
|
 Quería desculparme con todos aqueles que algún día leron este bló ou cos que inda o seguen facendo.
As labores da miña identidade secreta e a inxente cantidade de cinema visionado impedíronme manter este espazo como o merece.
Mais agora que isto vai rematando e levo visto case que corenta filmes prometo que aquí ides poder ler comentarios de todos e cada un deles.
Que dura é a vida do enmascarado. |
|
|
|
|
| JCVD |
|
 A quen non lle gusta unha peli de Jean-Claude Van Damme de vez en cando? (Os que digan que non que vaian desfilando...)
JCVD é un filme no que o propio Van Damme interprétase a si mesmo representando a súa propia vida ficticia. Mais a pregunta que vos estades facendo é "pega o 'ventilador belga' as súas famosas patadas?" E a resposta é: "pois claro que si!"
O filme amósanos a situación actual do outrora estrela do cinema de acción: cercano ós cincoenta, facendo filmes de baixísimo orzamento con directores asiáticos, divorciado e coa custodia da súa filla perdida... A súa vida é un desastre e só queda unha sombra do que foi, é un mal chiste de si mesmo. No medio desta situación as circunstancias lévano a tomar decisións extremas e rouba un oficina de correos en Bélxica.
Este é o punto de partida dun sorprendente filme, tanto pola súa temática, pola factura técnica e pola actuación de Van Damme.
O director Mabrouk El Mechri opta por unha narración non lineal e conta a histora dende varios puntos de vista e seguindo a varias personaxes, conseguindo así golpes de efecto ó ir soltando a información ós poucos e con distintas interpretacións. Todo isto acompañado dunha banda sonora variada e culminada coa que seguramente sexa a mellor actuación de Vandammage.
En definitiva, un bo filme para todos os fans de Van Damme, mais tamén para todos aqueles que gusten das comedias de acción e de propostas novidosas.
P.D.: A estrea no Estado foi o venres pasado (8 de novembro), mais semella que é difícil de atopar incluso nas redes p2p. |
|
|
|
|
| La buena nueva |
|
 Non o ides crer! O outro día fun ver un filme español da Guerra Civil! Sorprendidos, eh?
Hai temas nos que pouco máis se pode dicir, mais hai distintas maneiras contalo.
La buena nueva de Helena Taberna (Yoyes, Extranjeras) conta a historia, baseada en feitos reais, dun sacerdote católico (Unax Ugalde) quen se rematar o seminario é enviado a unha conflitiva parroquia navarra onde maioría da xente é atea e socialista. O Alzamento polariza a aldea e coa chegada dos falanxistas os carlistas en minoría crécense e empezan os asasinatos. O sacerdote, sen tomar partido ideolóxico por ningún dos bandos, axuda á xente a fuxir e agocharse no monte, mentres sofre o rexeitamento dos dous bandos e a postura oficial das xerarquías eclesias, totalmente partidista (apoian o termo Santa Cruzada e axudan a xustificar moralmente os asasinatos)
Unha historia ben contada, con boas interpretacións, boa ambientación e cun valor seguro que son as espectaculares paisaxes navarras.
É verdade que os conflitos son distintos en cada sitio e que cada país responde dunha maneira ás guerras e ás post-guerras. É unha mágoa que en España ou noutros paises non se fixera un cinema bélico como o que se fixo coa Alemaña nazi (os comunmente coñecidos coma "filmes de nazis") con relativa fidelidade histórica mais cun produto de divertimento excepcional. Será a visión de que o cinema non é para divertirse a que impide este tipo de cousas e outras? Sen dúbida isto daba para unha longa análise.
Chega ás salas comerciais o 14 de novembro. |
|
|
|
|
| Recomendación para a fin de semana |
|
Máis que recomendacións son as que eu vou ver, a ver se coincidimos.
Venres 7
18:00 L'enfant de L'hiver. Teatro Principal. Unha da retrospectiva de Olivier Assayas. Un drama de líos e líos amorosos.
20:15 Joe Strummer: The Future Is Unwritten. Máis un documental de contido musical. Desta volta sobre o cantante de The Clash (antes, durante e despois)
Sábado 8
16:00 Encounters at the End of the World (Teatro Principal) Novo e espectacular documental de Werner Herzog. Agora viaxa ata a Antártida.
18:00 Lady Jane (Teatro Principal) Cando xa practicamente esqueceran a súa xuventude Muriel e os seus amigos cuarentóns teñen que recuperar as súa habilidades delictivas. Os anos non pasan en balde e xa non é un xogo.
20:00 The Night James Brown Saved Boston (CGAC) Documental sobre como o xenial Padriño do Soul participou nos acontecementos que aconteceron en Boston o día despois da morte de Martin Luther King calmando ás masas coa súa música.
21:30 Mclibel. (CGAC) E seguimos con documentais. Este conta a historia do proceso xudicial máis longo da historia de Inglaterra, o que enfrentou a unha xardineira e a un carteiro contra o xigante das hamburguesas, McDonald.
Domingo 9
16:00 Acné. Teatro Principal. No programa di "comedia dramática" (?). Será que a algúns fai rir o que a outros fai chorar, como os grans da cara do protagonista.
18:00 Entre les murs. Teatro Principal. Filme francés cun cantos premios ás costas. Non recomendado para estudantes de maxisterio vocacionais.
20:00 Estómago. Teatro Principal. Drama gastronómico brasileiro. Espiga de Ouro na última Seminci de Valladolid.
22:00 Man Jeur. Teatro Principal. Unha nova mostra do máximo exponente do xénero HK na actualidade, Johnnie To. Unha historia de carteiristas co telón de fondo da sempre presente Hong Kong.
Vémonos nas salas! |
|
|
|
|
| A noite que deixou de chover... o director quedou calvo |
|
 Nun mundo no que Luís Tosar non é un contrabandista colombiano de corenta anos, senon un dandi de trinta e tres que vive coa súa nai, todo pode pasar. E de aí para diante.
Que queredes que vos diga? Non gustei nada do filme A noite que deixou de chover. Vese que hai moitas ideas detrás pero a maioría pérdense creando a ambientación desa Compostela bohemia e chea de personaxes singulares que ó final tampouco acaba de convencer. E cómpre non darlle máis voltas, porque canto máis o penso só vexo boas ideas desaproveitadas ou mal desenvoltas.
O argumento supoño que xa o coñeceredes máis ou menos todos: Luís Tosar é un dandi que vive coa súa nai, traballa arranxando paraugas e pasa toda a noite e parte do día de xolda cos seus amigos do bar O Tránsito dos Dramáticos. Spleen (que así se fai chamar a personaxe de Tosar) decide marchar da cidade, mais a noite antes da partida coñece a unha misteriosa rapaza ucraína coa que vivirá nunha noite todo o que non viviu na súa vida.
Aparte dos comentarios de espectador dicir que o filme rodouse na súa integridade en Santiago de Compostela, a práctica totalidade do equipo era galego (comezando polo director picheleiro) e parte da post-produción tamén se fixo en Galiza.
O dito, o director pagou a novatada. Haberá que esperar ás seguintes.
P.D.: Mención especial merecen os títulos de créditos, tanto os do inicio como os do final. Un detalle ó que cada vez se lle presta menos atención. |
|
|
|
|
| ifrit en Cineuropa |
|
Nin presentacións nin nada. Vou comezar cun aviso. Eu vexo todo tipo de cinema, mais do que máis gusto é do cinema de xénero e máis concretamente daquel máis extremo (sexa as que sexan as fronteiras). Así que se non coincidimos en gustos non te preocupes, isto só son opinións e seguramente esteas equivocado.
Cineuropa acostuma ser un maratón imparábel de cinema, correndo dun sitio para outro, vendo filmes sen parar. Este ano a actualidade do festival vén marcada pola noticia de hai uns meses de que a alguén na organización se lle esquezeu botar a subvención e se lle pasou o prazo. Así que veremos en que se nota.
Para comezar de momento todo é como outros anos, o programa non sae ata última hora e a versión en papel tardará un par de semanas.
Antes de achegarnos ó programas dicir que as novidades que se poden ver así a primeira vista son poucas, agás a nova localización de Arteria Noroeste, a sala de concertos da sede da SGAE que moi ó noso pesar vai extendendo as súas redes con propostas de calidade, porque os músicos perderán diñeiro pero estes cada día teñen máis.
Ídesme perdoar mais inda non lin a fondo o programa e só lle botei un ollo por enriba ós titulos e pouca cousa vos podo contar. O festival está organizado unha vez máis por categorías, que sempre axuda.
A sección oficial, onde poderemos ver A noite que deixou de chover, un filme rodado en Santiago, e filmes de Giuseppe Tornatore ou Michael Winterbottom.
Panorama internacional, onde así de primeiras pégame na vista Satanás (perfil de un asesino)
Documentos: Memoria e presente. Filmes para achegarnos á realidade concreta dos máis dispares recunchos do globo.
Mundo Asia. Dramas de chorar e non parar, filmes románticos ata a náusea, as comedias máis descerebradas ou as carnicerías máis salvaxes. Aquí podes atopar de todo. Está claro que cos ollos rasgados vese todo doutra maneira. A recomendación a primeira vista é sinxela: Man Yeuk (Sparrow) de Johnnie To.
Fantastic Compostela. Unha mistura de títulos novos como o falso documental do 'ventilador' belga, JCVD ata clásicos do xénero como Forbidden Planet (O Planeta prohibido)
Doc-Music. Outra sección na que todos os anos podemos atopar cousas interesantes. Este ano fixo que non perdo Buzos haciendo surf. Un documental sobre Surfin' Bichos y The Night James Brown Saved Boston.
Conexión Bos Aires. Escolma de cinema arxentino. Está todo dito?
Retrospectiva Olivier Assayas, autor de filmes coma Demonlover ou Paris, je t'aime.
Ademáis de filmes dos premiados, programación especial, cinema para os máis miudos e o maratón, que este ano está adicado á carne e que fai unha mistura incríbel con filmes coma Russ Meyer's Supervixens, Shortbus ou The Addiction.
E por se inda non vos chegou haberá unha sección chamada panorama Galiza 2007-2008 con curtas, documentais e algún longa duración co mellor deses dous anos feito no país. Primeiro recomendar ós amigos: Auga, Línguas cruzadas e Sulfato; e despois os que esperamos ou veñen recomendandos polos premios: Santiago de Sangue, 1977, Don Señor e o Home do Soño, ¡Maldito Bastardo! ou Pradolongo.
E por hoxe xa chega. Non sei se nos vai dar tempo para todo ou se o corpo aguantará. Aquí poderedes ir lendo e opinando por vós mesmos sobre como vai indo o festival.
Vémonos nas salas! |
|
|
|
|
|