Henrique del Río

Balanzas de matute
O goberno central publicou as famosas balanzas fiscais e os media galegos botáronse enseguida a pontificar sobre o de sempre, a necesidade que ten Galiza da misericordia allea e o agradecidiños que tiñamos que estar por sermos un país subsidiado. Lembremos que non hai moito o goberno Fraga, o PP en definitiva, vendera como unha grande conquista que Galiza seguise a ser un territorio obxectivo prioritario para a Unión Europea. E os acólitos deses intereses pregoaron enseguida esa “boa nova”, loando a misericordia recibida e facendo votos por que tal maná siga a caer do ceo a perpetuidade, porque somos un país que non sabe valerse e precisa da aperta xenerosa dun titor que nos guíe polo bo camiño. O abrazo do oso.

Un profesor de estatística, nos tempos da facultade, dixéranos unha máxima que desde entón aplico, como se fose a dúbida metódica de Descartes, a canta estatística aparece. A sentencia, crúa, viña dicir algo así como “os datos, convenientemente torturados, cantan o que un quere”. E neste caso, como tantos outros, non é unha excepción, e imos ver algúns detalliños para que alomenos por algunha regandixa do descurso oficial do stablishment se cole unha raioliña de veracidade que achegue algo de luz ao cadro.

Porque en primeiro lugar, cómpre ter presente que o Estado recada ao ano en Galiza da orde de 11.000 millóns de euros, e esa mal chamada solidariedade fai que retornen uns 7.000 millóns. Logo, é doado facer a conta e concluír que se perden uns 4.000 polo camiño. Sostén Galiza en exclusiva o peso e custe das institucións comúns (Coroa, corpos de seguridade, Cortes,...)? Como se pode soster que che entregan solidariamente algo que en realidade achegas ti? Sácanche os cartos do peto esquerdo, métenos nun caixón, lévanche un terzo, danche o resto e exixen que aínda por riba lles esteas agradecido!

Sobre este dato obxectivo, tirado dos números da estatística oficial, veñen outros moitos. En primeiro lugar meter como solidariedade as pensións da Seguridade Social, un dereito adquirido logo de anos de traballo. Traballadores e traballadoras galegas cuxa vida laboral transcurriu en Euscadi, Cataluña ou Madrid que agora retornan e que ven que as súas pensións son, para o goberno central, unha mostra da solidariedade desas terras con eles. E non será un dereito adquirido a pulso logo dunha vida de traballo? Non é unha argallada propia de trileiros vender como caridade este dereito?

O outro día, en Cambre, Bieito Lobeira dicía que para o goberno central en Galiza non hai fumadores. Sostiña a afirmación no dato nada desprazábel de que o imposto sobre o tabaco, como tantos outros, figura residenciado en Madrid nestas balanzas. Polo tanto o fume que tragamos en Galiza non é máis cá unha ilusión fiscal produto da retorcida mente dos nacionalistas. Poderiamos seguir este argumento cos bebedores de alcol, cos consumidores de carburantes,... Todo porque computan como ingresos madrileños, esto é, da comunidade madrileña, os tributos de todos os cidadáns deste Estado. A ver se isto non é o timo do tocomocho!

E logo outros inventos como o chamado “efecto sede”: resulta que FENOSA, coa maioría dos seus activos en Galiza, tributa por eles en Madrid, que é onde ten sede fiscal. Botádelle o que suporían o IBI de embalses, minicentrais e parques de muíños (antes, claro está, de que o progre ZP lles perdoase o imposto que nós pagamos polas nosas casas) e os demais impostos que a eléctrica debe pagar e que fican territorializados tamén na comunidade de Madrid. E como con FENOSA acontecería outro tanto co resto de empresas galegas con sede fiscal en Madrid ou daquelas que teñen a maioría dos seus activos aquí e os seus tributos se computan en Madrid (desde os restos mortais de Fadesa á propia Navantia).

As balanzas fiscais, con esta forma de cómputo, estan moi ben pensadas para soster ese discurso falaz da Galiza eternamente subsidiada, un apoio teórico necesario para esa praxe de PP e PSOE de soster o veto político aos astaleiros ferroláns e de desmantelar a gandaría leiteira e a frota galega ao tempo que se levanta a gandaría montañesa e a frota andaluza. Antes tíñase claro que os media defenden intereses concretos detrás das súas editoriais, agora os que se reclaman como os máis revolucionarios do mundo mundial aceptan coma argumento irrefutábel, coma dogma de fe os titulares dos grandes xornais galegos. O caso das balanzas fiscais, desde logo, non é unha excepción.

Censura na TVG
Dubidaba entre escribir sobre as concesións do goberno central ás eléctricas (IBI de embalses, supresión da tarifa nocturna) en tempos de crise e a venta de FENOSA ou os coletazos da comisión sobre a fraude electoral que na última entrega protagonizou o PSOE co voto emigrante e a resistencia a establecer un sistema transparente e garantista do voto para a diáspora. E digo dubidaba porque co recente suceso da censura, secuestro e retoque do anuncio do Festigal por parte da dirección da televisión pública de Galiza vexo imprescindíbel reflexionar sobre o calado da cuestión.

O primeiro que se me veu á cabeza ao ler a nova foi pensar no cómodos que deben estar no Consello da CRTVG os representantes das forzas políticas españolistas, soíños grazas á actitude do fato de deputados e deputadas aos que Víctor Hugo dedicou unha novela e Schönberg un musical. Así poden cometer os atropelos que lles pete, deixar verse bandeiras fascistas nos partidos de fútbol e bombardearnos con La Roja, con expresións de todo tipo que sobardan o meramente deportivo e futbolístico sen que ninguén diga nada. Nin, moito menos, que iso é deporte, non política. Iso si, a estreleira como elemento dun spot publicitario é algo tan reprobábel que merece tesoira inmediata da dirección do ente, non vaia ser que alguén diga que a TVG está politizada.

O segundo que se me ocurriu, relacionado co primeiro, é que no fondo a Touriño e a franquicia en Galiza, si, Galiza, do PSOE lle amolou que o BNG rexistrase no Parlamento unha iniciativa para reformar a CRTVG e que o seu director saia dun nomeamento do Parlamento. Algo ao que Touriño se resiste para poder pasar da Telegaita á Teletorito, co plaxio a Cuatro, telePSOE, nos platós e decorados, coas cores corporativas do PSOE. E que con esta trécola devolvían a xogada.

O terceiro, para que mentir, que pensei foi que isto xa é unha guerra declarada. Unha guerra electoral, entendamos, e que o PSOE fai xa o que sexa con tal de minimizar ao incómodo compañeiro dos corredores de San Caetano. E así saen mesas de diálogo trapalleiras, que non serven para nada e obviando á segunda central sindical do país, webs institucionais que semellan partidistas e chorradas supinas por querer recurtar un anuncio que doutro xeito pasaría sen pena nin gloria polo panorama televisivo galego a estas alturas do ano.

E, que queredes, entre que se reparten as axudas aos medios coma antes, que se fan axudas a medida de entidades amigas como antes e que no voto emigrante segue a haber fraude como antes, dá a sensación que mentres nestes tres anos houbo un cambio real en determinadas cuestións, noutras seguimos como sempre, e non hai moito aínda que falabamos de Lampedusa.

Así que dado que vai de órdagos o verán, co PP querendo procesar aos que aprenderon as súas artes entre a emigración e co PSOE actuando de tribunal inquisitorial coa televisión que pagamos todas e todos, eu levaba o caso do anuncio recurtado ao Parlamento de Galiza, para que o In-Presidente, o que pon as travesas do AVE actuando de delegado do goberno de Madrid no canto de conselleiro dun goberno galego e mais o director dedocrático (agora dise dixital) da TVG dean as explicacións pertinentes. E de paso ver como se retrata o PP, se segue a ser cómplice destas cousas ou se levanta o veto absurdo e permite no Consello da CRTVG que haxa quen lle pare os pés a un PSOE cheo dunha arrogancia desmedida como a que teñen nestes tempos de crise. Ai, non, que se digo crise son antipatriota.

<object width="425" height="344"><param name="movie" value="http://www.youtube.com/v/Gm4ccXpwpH8&hl=es&fs=1"></param><param name="allowFullScreen" value="true"></param><embed src="http://www.youtube.com/v/Gm4ccXpwpH8&hl=es&fs=1" type="application/x-shockwave-flash" allowfullscreen="true" width="425" height="344"></embed></object>

A crise. Agardando a Godot.
Se facemos caso do que di o Gran Xefe Palabras Bonitas, pero Ocas, o rintintín nos sonará posibelmente aos tempos do aznarismo, aquel soniquete machacón e imposíbel do “España va bien”. Se cremos as verbas do Gran Xefe Palabras Bonitas isto é unha balsa de aceite e como moito se reduce algo a velocidade de cruceiro con que transita polo espazo o misil da economía do Estado. De facerlle caso aos circunloquios rimbombantes de José Luis Rodríguez e a súa caterva de acólitos, hai unha certa desaceleración, un crecemento negativo (por favor, que alguén me explique o sentido deste eufemismo tan patético), un recorte nas previsións de crecemento, un non sei que de non sei como. Unha patraña, unha mentira, un dobre salto mortal con triple tirabuzón para non dicirlle ás cousas polo nome. Para non recoñecer que hai recesión, que hai crise.

E se non pode haber crise, obviamente non pode haber medidas para atallala. E por iso os deputados e deputadas do PSOE de todas as Cámaras e especies negan a maior, miran para outro lado e asubían agardando a que pase a borrasca. O que se é temerario cando ven de deputados, resulta xa directamente inadmisíbel cando se trata de gobernantes.

E aí tendes a Emilio Pérez, In-Presidente desta nosa Galiza (si, Galiza) vendendo no exterior a este país coma un feixe de operarios cualificados e de baixo salario e o conxunto coma un lugar con pouca conflitividade laboral, plaxiando a perniciosa política do PP. E aí está o conselleiro de Economía, Fernández Antonio, patalexando porque non é plaxio de ninguén, senón que a aberración de vender este país ao inversor estranxeiro coma persoal laboral a explotar por catro patacóns era invención súa. Que mellora moito a cousa vindo de quen se reclama socialista (claro que para socialismo, o Tratado de Lisboa, a directiva europea da plusvalía e mais a da deportación masiva destes días). E de colofón, cun conselleiro de Traballo ao que só se coñece por amparar axentes electorais fraudulentos e non por arranxar o marco laboral galego, Emilio Pérez, In-Presidente desta Galiza (si, Galiza), sostén publicamente (e non lle cae a cara de vergoña) que lle importa un bledo o concurso eólico que vai traer proxectos de desenvolvemento para esta terra e vai poñer ao servizo do país o que ate agora lucraba a catro amigotes (Paco Vázquez, dese mesmo PSOE que Pérez, entre eles). E digo eu que un bledo non lle ha importar cando a prensa amiga afirma que non é de recibo que a tarta a reparta o partido máis pequeno do arco parlamentar galego (medo a non pillar cacho?).

Claro que se non hai crise, tampouco fan falla medidas fronte a ela nin para lanzar a nosa economía nacional. Logo se perde o tempo ao poñer as bases do ansiado grupo lácteo galego, logo se perde o tempo ao pretender que a xeración eléctrica reporte beneficios a Galiza, logo se perde o tempo ao pretender quitar ENCE da ría e pechar o ciclo produtivo coas debidas garantías ambientais, logo se perde o tempo ao buscar un agro rendíbel e sustentábel, logo se perde o tempo ao promover solo empresarial ou solo residencial para abaratar o prezo da vivenda, logo se perde o tempo ao pretender que ASTANO retorne á actividade civil coa necesidade de empregos que hai e coa carga de traballo que teñen os astaleiros galegos, logo se perde o tempo ao pretender rendibilizar os nosos recursos culturais ou ao fornecer de benestar ao noso pobo. Se todas estas cousas importan un bledo, que é o interesante para Emilio Pérez?

O interesante é non facer caso do dictame sobre a axente electoral que mercadeaba votos para o PSOE depurando as responsabilidades como lle demanda o dictame ao In-Presidente da Xunta? O interesante acaso é manter o remedo miserábel do Plano Labora de Ricardo Varela, ou coma diantre se chame en progre, para seguir a fomentar a precariedade laboral neste país (supoño que si, vendo como nos vende no exterior o PSOE!)? O interesante acaso será facer mutis polo foro cando o goberno amigo (maldita teoría a dos gobernos amigos!) non se compromete a pór prazos ás infraestruturas que precisamos e que levamos anos pagando cos nosos tributos? O interesante acaso é ampararse e ceibar á alcaldallada a enfrontarse, por intereses espurios e personais, a unhas Normas do Hábitat que poñen couto á especulación e fixan uns mínimos de calidade para as vivendas? Ou é que a xente non está farta de pagar cada vez máis por unhas vivendas cada vez máis pequenas? Iso non é importante?

A solución, a de sempre, plaxiando outravolta ao PP: cemento. No último ano da lexislatura, cemento e asfalto para acalar críticas. Pero non hai unha iniciativa do sector do PSOE no goberno galego para xerar emprego de calidade ou amolecer a crise que, non é que veña, que temos enriba. E mentres tanto, permanecen á espreita de que o Gran Xefe Palabras Bonitas teña a ben recoñecer a realidade e, logo, autorizar a adopción de medidas para paliala. Agardando a Godot.

Odio a Lampedusa
O gatopardo de Lampedusa é coñecido por unha célebre sentenza que espeta un dos seus protagonistas a propósito de cómo se estaba a levar a unificación italiana: “é preciso que todo mude para que todo siga igual” (para o resto dos detalles da novela, e para celebrar as festas do libro e o idioma, hai unha tradución galega en Galaxia, toma publicidade gratuíta). Tal semella ter acontecido co sector comandado dentro do goberno galego pola franquicia en Galiza do PSOE, cambiar todo pero que todo siga igual. É indiferente a área que se escolla para facer esa análise, pois nin de lonxe aparecen solucións aos problemas deste país equiparábeis ás medidas transformadoras emprendidas polo sector nacionalista do bipartito, casos do Banco de Terras, as medidas para os montes, defensa dos sectores leiteiro e vitivinícola, Sistema Galego de Benestar, Plano Galego de I+D+i, nova política en vivenda, solo industrial ou xeneración enerxética, equipas deportivas, difusión sen complexos da nosa cultura nacional,...

Na escandalosa realidade a que está sometido o voto emigrante neste país temos o recente caso da dobre axente electoral do PSOE (logo do PP) pagada con cartos do erario público, coa tentativa da Consellaría de Presidencia de botar terra polo asunto. E falando do voto emigrante, alcanzado acordo unánime estes días no Parlamento, está por ver se chega a algo á vista de cómo se comporta o PSOE cos acordos unánimes do noso Parlamento. E iso que a ministra de Administracións Públicas é “galega coma ti”, de fraguián recordo, e de verbo tan áxil como fráxil de palabra, agora o tráfico nin tocalo.

Pero hai máis, esta semana sen ir máis lonxe. En Medio Ambiente, esa consellaría dedicada a montar unha rede clientelar paralela á de Baltar en Ourense e en facer a cama e a competencia á de Medio Rural por todo o país. Só tiña un compromiso emanado do pacto de goberno o conselleiro do PSOE (nótese que evito moito falar de "socialista") e era trasladar o complexo ENCE-ELNOSA da ría de Pontevedra. Pois acaba de facer xusto o contrario, darlle beizón para comprometer a saúde de cantos e cantas viven en torno á ría de Pontevedra. E xa non falo do medio ambiente porque polo que se ve á Consellaría homónima pouco lle importa a xulgar pola falta de inversión decente en saneamento das rías, e polas tibias respostas ante sentinazos até no curso medio do río Miño, episodios coma o do encoro de Fervenza,… E  coa Sanidade como está, todo cambiou para seguir igual, e co o ensino como está, incumprimento do decreto do galego e reforma espectacular e progre do bacharelato (e estou trascendendo a liña que separa a retranca do sarcasmo), e cun Presidente que non vou calificar e que abandona o hemiciclo para non votar as conclusións da comisión de investigación da Cidade da Cultura a pesar de todo canto se destapou, e coa alcaldada toda revolta para atentar contra a mellor política de vivenda que se fixo neste país na historia contemporánea (ou a primeira política, a ausencia de política perpetrada polo PP resultou en 20.000 solicitantes de vivenda protexida e 10.000 pisos baleiros á par da alza espectacular do prezo da vivenda e o declive da habitabilidade e calidade dos inmobles e iso é o que os alcaldes do PSOE están a avalar)… con este panorama aínda se fan os doídos, os ofendidos e exixen unha desculpa.

En realidade a desculpa débennola eles por facernos crer que ía ser o goberno do cambio que o país necesitaba. E non se me entenda mal, porque nun terzo dese goberno si hai unha resposta aos problemas do país, en forma de diagnósticos e solucións. Pero pretender tapar toda unha lexislatura cun aluvión de metros cadrados de asfalto en ano de vésperas electorais trae demasiados ecos ao fraguismo que se ía superar, non en van a primeira proposta do In-Presidente foi blindar ao seu predecesor para garantirse a xubilación. Así que que se garde moito Ismael Rego de pretender dar leccións, que non fale ninguén da franquicia en Galiza do PSOE de trastornos bipolares (falan eles que votan unha cousa e mais a contraria e quedan tan anchos) e que aproveiten o ano que queda en cumprir cos compromisos do goberno en vez de queimar todos os cartuchos en fontanaría. Porque se a xente coñece máis aos conselleiros e conselleiras do BNG cós do PSOE será por algo. Así que no que iso acontece, eu son da opinión de Carlos Aymerich. E odio a Lampedusa!

O problema non é D´Hondt
Ou alomenos non é o principal problema do sistema electoral vixente. O apelido do matemático belga saltou á palestra mediática na resaca do 9 de marzo porque algúns partidos estatais non viron o froito dos seus votos traducidos en escanos e se lembraron, agora, de Santa Bárbara cando chove cando o certo é que levan anos caendo chuzos de punta e até o de agora neste tema, coma noutros moitos, facían parte da procesión dos caladiños.

A fórmula electoral inventada por D´Hondt, efectivamente, distorsiona levemente os resultados ao concentraren os escanos nas dúas primeiras forzas da circunscrición a conta da terceira (por xa non falar das seguintes). E desde logo sería moito máis atinada, desde o punto de vista da representatividade do resultado (que non sería outro que traducir o número de votos en número de escanos coa menor desviación posíbel), unha forma de reparto proporcional puro. Por dar un exemplo.

Mais o maior problema do sistema electoral non é, con todo, a fórmula de reparto dos escanos. O maior problema é a sobrerrepresentación de circunscricións, o tamaño das mesmas e o escándalo maiúsculo do voto emigrante, sobre o que xa temos falado abondo.

A circunscrición electoral é a provincia, e leva cada unha un mínimo de dous deputados e catro senadores. A maiores, o resto, até 350 deputados, son repartidos de forma proporcional segundo a poboación, con particularidades no caso das illas e as cidades autónomas. E aquí xa atopamos a primeira das trampas que sobrerrepresenta territorios e ás forzas predominantes. Comunidades Autónomas con moitas provincias e pouca poboación (circunscricións pequenas, falando do número asentos que ocupan nas Cortes) terán máis representantes que outras con poucas provincias e maior poboación, caso de Castela-León e Galiza respectivamente. E se sae máis barato (en votos) un escano en Soria que en A Coruña é en grande parte por isto e só secundariamente pola lei D´Hondt.

Pero é que ademais o reparto supostamente proporcional dos deputados segundo a poboación atopa alomenos outro escollo para ser realmente representativo. Ese reparto faise en base ao padrón de habitantes, que nin moito menos é sinónimo do censo electoral. Os escanos distribúense, como queda dito, en base ao padrón. O padrón inclúe residentes que non figuran no censo electoral (inmigrantes ou xente que non vota, por idade ou inhabilitación, por dar dous casos). E agora entra novamente o vicio do CERA a distorsionar a distribución de escanos nas circunscricións: o CERA non está incluído no padrón, polo que os incluídos no CERA non computan aos efectos de distribuír os escanos. Mais si votan para escoller ás persoas que han de ocupar eses escanos. Poñédevos en situación: a Galiza, de contar o CERA para distribuír escanos, corresponderíanlle uns cantos asentos máis nas Cortes, mais non só non contan, senón que ademais entran no reparto dos escanos atribuídos en función do padrón. O problema tería doada solución cunha circunscrición propia ou computando aos inscritos no CERA no padrón da súa respectiva circunscrición, mais o sistema actual beneficia a quen beneficia, e por iso se mantén. Figurádevos esta distorsión a nivel municipal, onde o padrón determina tamén o número de concelleiros a elixir e se pode dar o caso de que veñan máis votos de fóra que os que hai dentro. E só a partir de aquí, con estas graves distorsións, D´Hondt empeza a ser un problema.

Reflexións sobre o voto emigrante: a Santa Compaña electoral
Nos dous artigos anteriores entrei a valorar algunhas das variábeis do voto emigrante e algo apuntei xa sobre a limpeza do CERA, sobre o que agora repararei. Como unha anotación crítica lembraba atinadamente, é competencia do Estado manter limpos de toda sospeita os censos electorais, tanto os de dentro coma o de fóra. Teño unha anécdota persoal que pode ser ilustrativa da situación actual dos censos.

Nunhas eleccións (a verdade é que non lembro cales) tocoume de interventor nunha mesa do meu concello na que van votar os internados nunha residencia da terceira idade. Coma vogal da mesa tocoulle a unha das monxas que rexentan o establecemento. Ás seis da tarde unha interventora do PP detecta alomenos unha persoa presuntamente internada na residencia e requírelle á monxa que a baixe a votar. A presunta e desexada votante tería daquela 115 anos e a monxa, ante a insistencia da interventora do PP, di que leva máis de vinte anos nesta “casa” e que non lembra señora algunha co nome da requerida no establecemento. É obvio que advertimos á presidencia da mesa de que se aparecia a centenaria señora ausente por vintetantos anos da residencia a votar impugnaríamos a mesa.

A anécdota serve para ilustrar perfectamente o estado en que se atopan os censos electorais, extremo que doadamente se pode cotexar convocatoria tras convocatoria e que, supoño, non se atreverá a negar ningún representante de ningunha das forzas (nos faladoiros que se forman na xornada electoral todos o recoñecen). Cos residentes presentes esta distorsión imperdoábel sálvase co voto en urna onde tes que te acreditar para exercer o teu dereito a voto e o procedemento de voto por correo ten unhas certas garantías, co que a fraude electoral é mínima. Mais outra cousa ben distinta é o que acontece co voto da diáspora.

A ausencia do voto en urna é unha clamorosa facilidade á manipulación do sufraxio dos residentes ausentes. Axentes electorais recollen os votos para depositalos nas oficinas de correos como se fose un favor. E os defuntos, como recolleron documentalmente os xornais nestes días, tamén se apuntan á festa aínda que non o saiban. Por que acontece isto? Pois porque a lei electoral o permite. E por que o permite, preguntaredes. Pois porque a situación favorece ao partido que controla o aparello do Estado: PP e PSOE aplican ao voto emigrante aquelo do “hoxe por min, mañá por ti” para manter o sistema sen as máis mínimas garantías porque lles favorece. Cambia a forza do goberno, cambia a correlación de forzas na diáspora, o que dá unha proba elocuente das condicións en que se emite este voto. E probas tivemos nesta pasada campaña co cheque pontevedrés de Feijóo ou a axente electoral do PSOE que se pasou ao PP. Vímolo outra vez: PP e PSOE tiráronse os trastos á cabeza, pero alguén sentiu que se comprometeran a cambiar a lei electoral para que non se repetise isto? O único que se oíu foi o globo sonda da circunscrición para a diáspora. Unha promesa que chega ben tarde, logo de trinta anos de eleccións democráticas nas que as dúas grandes forzas compadrearon na barra libre do pucheirazo e se deron tempo para armar as súas redes clientelares cos cartos de todos.

Teño un amigo que dixo hai un tempo, cando se deran casos de votantes defuntos a esta banda do Atlántico, que votar ao PP para un galego era coma ir a San Andrés de Teixido: o facía de morto quen non o facía de vivo. No caso do CERA o demostraron os xornais estes días. Por algo é que o PP e o PSOE non quixeron depurar o censo e impoñer unhas eleccións con voto en urna na diáspora. E por algo Ricardo Varela pretextou que quen se queixaba do sistema de voto emigrante era porque non pillaba cacho. Teremos este debate outra vez o ano que ven? Voltará a ser Pontevedra a Florida do PP?

Reflexións sobre o voto emigrante: a cidadanía
As actuais democracias liberais aséntanse sobre os alicerces sentados polo liberalismo clásico. E unha destas bases é o concepto de cidadanía: un cidadán é un suxeito político titular duns dereitos e duns deberes. Convén lembrar isto e telo presente para falarmos do tema que nos ocupa: dereitos e deberes. Dereitos que se foron ampliando a medida que o concepto mesmo de cidadán avanzou inclusivamente, desde as formulacións atenienses até os nosos días, entre eles o dereito a decidir sobre a res publica (voto) e deberes que se tenden a esquecer pero que son inherentes tamén á propia idea de cidadanía, como a cara e a cruz dunha mesma moeda ou a luz e a sombra. Non se pode entender os primeiros sen os segundos.

E todo este ladrillo condensado de teoría política mal resumida serve para introducirmos outra dimensión sobre o voto emigrante: un dereito desligado das obrigas da condición cidadá, extendido abusivamente desligándoo das obrigas que os cidadáns teñen tamén para coa res publica. E todo isto, ademais, a mala fe para primar á entente cordiale do pucheirazo na barra libre do voto emigrante, manipulado, falseado e mercado para subvertir os resultados electorais que arroxan os cidadáns que cumpren cos seus dereitos e obrigas coa república.

Cales son as obrigas coa república dun cidadán? Sostela, na súa alícuota parte, coa súa contribución (económica ou doutro tipo), facer parte dos censos, sometemento á legalidade,… Os dereitos, políticos, sociais, fundamentais, etc son polo común máis coñecidos, polo que considero ocioso parar neles. Mais cómpre insistirmos en que dereitos e deberes son a cara e a cruz da moeda da cidadanía. Evidentemente, esta teoría racha co voto emigrante. Vexamos.

Os electores (e elixíbeis) da emigración non figuran en censo algún (agás no fraudulento CERA, censo de residentes ausentes, onde igualmente figuran defuntos que sobardarían os cen anos, caso do que xa falaremos). Ademais, non sosteñen á república sobre a que deciden, e malamente poderán cumprir co ordenamento do Estado cando están en territorio da soberanía doutro Estado. A maiores, ao non contar con coñecemento directo (sobre o terreo) da realidade da república sobre a que deciden, o seu voto estará mediatizado nunha proporción maior que a dos residentes presentes (cando non, directamente, sometido ao mercadeo que o bipartito do pucheirazo, o PPSOE, se encargou de manter trinta e tantos anos). Digamos, pois, que falan de oídas e deciden sobre ese criterio tan pouco sólido, cando o resto alomenos podemos ter a percepción empírica da realidade cotía.

O sufraxio da emigración, coa actual configuración, racha, como vemos, o concepto de cidadanía, alicerce da democracia. Iso, porén, non lles impide aos membros da entente cordiale do pucheirazo, expedir carnés de demócrata. Cando eles lanzan torpedos á liña de flotación da democracia. Xa seguiremos a falar do tema!

Reflexións sobre o voto emigrante: limpeza de sangue
PP e PSOE resístense a modificar o sistema do voto emigrante para que se emitan os sufraxios cunhas garantías mínimas porque o sistema lles favorece. Élles bo o sistema porque basean o compadreo na sobada frase aquela do “hoxe por tí, mañá por min” e nun reparto dos sufraxios do exterior ao 60-40 a favor de quen goberna.  E só con esta premisa pode entenderse que non teñan reparo en protagonizar todo tipo de escándalos co voto emigrante que sonroxarían ás forzas políticas de calquera democracia occidental seria e digna de tal nome, do axente dobre de que falaba hai pouco Aymerich aos cheques pontevedreses e paparotas electorais contra erario público. Por non falar da mesquindade que supón soster que se é crítico co actual sistema porque non lle favorece á forza na que un milita. Mais cal é o fundamento do voto emigrante?

Semella lóxico que poidan votar os nacionais que por circunstancias da vida teñan que se desprazar fóra da súa circunscrición e manteñan os seus dereitos políticos, fundamentados na cidadanía, sobre a que voltaremos. Esto é, se es cidadán, podes votar. O que xa sería máis discutíbel é que sexa para quen sitúa a súa residencia fóra do propio Estado, e para os fillos e netos deses cidadáns, sen vencello coa circunscrición alén dos devanceiros que non coñeceron, poidan votar. Porque o estado español ten fundamentado o dereito a votar para os residentes ausentes (bonito eufemismo!) nun criterio tan cívico e republicano coma o da raza. Si, a raza é o garante do dereito a voto para os emigrantes: hai que acreditar, coma hai tempo ante o Santo Oficio, a limpeza de sangue para poder votar, traducida na busca dun avó que naceu nalgún punto de Galiza e do que, moitos, tan só coñecen o nome de pía.

Porén, négaselle o dereito a votar a nacionais que seguen a residir no Estado e que circunstancial e puntualmente deixan o fogar. Estou a falar dos mariñeiros que saen ás mareas alá onde a frota galega faena, dos centos de mozos e mozas emigrados a outras comunidades dentro do Estado, empadroados para ter dereito a servizos municipais e non recoñecidos coma galegos e galegas a efectos de decidir o goberno do seu país, dos transportistas que teñen que circular por toda Europa polo seu traballo e que igual non paran pola casa nun mes,… Eles e elas tamén son cidadás, e se usamos o criterio racial que empregan PP e PSOE para a barra libre do voto emigrante americano, tamén teñen limpeza de sangue. E sen embargo, este grupo non pode votar. Claro que contan con máis información sobre o que acontece no seu país (por algo tiveron que saír a traballar fóra, por algo son a emigración esquecida) e son moito menos susceptíbeis de seren manipulados pola entente cordiale do pucheirazo. Tamén voltaremos sobre isto.

Esta é a contradicción da limpeza de sangue que PP e PSOE pretenden para o sufraxio da emigración: por unha banda, o puro sangue dos emigrados de primeira xeración que están no Estado, na mar ou por Europa adiante non conta, mentres que pola outra, o sangue de primeira que levou un avó a América e que herdan, rebaixado, fillos e netos arxentinos é fundamento para que persoas alleas á realidade do país e que, como moito, teñen unha visión nostálxica e idealizada da Galiza que deixou atrás o avó, deciden o noso goberno. O noso, e o dos que están nas Canarias e que nin contan. E a guinda do pastel é que quen defende este criterio racial e sanguinario, ao unísono no coro do pucheirazo, se atreven a soster que o nacionalismo é algo retrógrado cando son eles quen falan de razas. Só que camufladas baixo nacionalidades discutíbeis.

Arrepíame falar de razas se non falamos de cadelos. Mais a outros ben se ve que non. Seguiremos a falar do voto emigrante nas frontes que nos quedan abertas!

Carta aberta a Raphael Schutz
Señor embaixador:

Calquera cousa menos diplomática foi a súa desafortunada valoración, sesgada e parcial, sobre as novas que determinado sector da prensa española publicaron estes días sobre o BNG e a súa postura ante a barbarie nazi. Supoño que unha persoa cunha responsabilidade como a que vostede ostenta, antes de lanzarse a pedir explicacións ao goberno do Estado, debera ter contrastado eses datos desa prensa madrileña co acontecido realmente no Parlamento de Galiza. E a modo de ilustración mesmo lle podería ter servido unha carta que o Portavoz parlamentar do BNG remitiu ao máis sectario deses xornais madrileños (por certo, o que iniciou o bulo).

Nada máis lonxe da tradición política do nacionalismo galego que o fascismo nas súas diversas manifestacións. Nada máis afastado que a violencia institucional, o terrorismo de Estado e o xenocidio, que sempre condenamos sen paliativos. Nas antípodas do noso pensamento radicalmente cívico, democrático e republicanista fican esas actitudes que vostede nos atribuíu ao equipararnos á extrema dereita xenófoba. Por iso, a declaración institucional que o BNG propuxo, ante o silenzo de PP e PSOE, condenaba enerxicamente o xenocidio nazi. As e os nacionalistas galegos condenamos a masacre contra os xudeos, desde logo, pero tamén a dos polacos, rusos, xitanos, homosexuais, republicanos, comunistas, anarquistas,… que tamén houbo. E é desde esa mesma cultura  e desde  ese mesmo rexeitamento que, falando de Dereitos Humanos, coa vista posta no pasado e condenando as atrocidades cometidas, non podemos pechar os ollos ás atrocidades do presente, e singularmente as que o seu Estado comete contra os seus veciños.

Señor embaixador, a inxerencia nas cuestións internas doutro Estado non é algo que lle incumba como representante do seu Estado. De feito, como ben sabe, o Dereito Internacional Público ten o principio contrario. Entrou vostede en campaña electoral, señor embaixador, do lado dun sector moi identificado do espectro político deste Estado español. O mesmo, por certo, que si criminalizaba ao seu pobo (falamos de “conjura judeo-masónica”) e o mesmo que ten por reformulador contemporáneo a un home que si cuestiona e relativiza o alcance do exterminio nazi (un tal Fraga Iribarne, ministro nun réxime erguido co apoio nazi e fundador do Partido Popular). Vostede saberá o que se fai e o que lle fai á representación do seu Estado. Porque o nacionalismo galego non ten nada nin contra o pobo xudeo nin contra a fe xudía. O único que deplora o nacionalismo galego é a ideoloxía do sionismo expansionista que lles leva a pisotear os Dereitos Humanos arredor do seu Estado. E coido, señor embaixador, que non fai falla que lle mente as resolucións da ONU (incluídas as que se abortan con vetos no Consello de Seguridade), o campo de concentración xigantesco de Gaza, o vergoñento muro que o seu goberno está a levantar, as matanzas de Chabra e Chatillah,… Defendemos os Dereitos Humanos, sen condicións.

Condenamos o Holocausto, non teña medo. Pero condenamos tamén a masacre contra outras etnias e ideoloxías perpetrada polos nazis. E non lle quede dúbida de que tamén condenamos a opresión do pobo palestino polo Estado que vostede representa.

A Señorita Loli, o sectarismo e o ministerio da propaganda
Aínda se ofende a Señorita Loli cando se lle reprocha o uso partidista e interesado do Consello da Xuventude de Galiza. Ver para crer. Faise a tonta dicindo que non entende a que nos referimos cando lle botamos en cara que empregue o CXG coma ariete do PSOE contra determinadas áreas do goberno galego e aplauda, vasala e manseliñamente, os fitos do ministerio da propaganda e os cuestionábeis avances de determinadas áreas gubernamentais dirixidas por compañeiros seus da franquicia do PSOE en Galiza.

Ofendeuse a Señorita Loli cando, o pasado sábado á tarde, Anxo Quintana lle chamou ministerio de propaganda ao de Vivienda, baleiro de competencias. E sen entrarmos no reparto competencial e o afán recentralizador dese ministerio (artigo 27 EAG: “No marco do presente Estatuto correspóndelle á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva das seguintes materias:...3.- Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo e vivenda") penso que quedou curto: non só é un ministerio de propaganda senón que se mantivo unicamente para servirlle de trampolín electoral a Carme Chacón.

Repasemos as iniciativas do ministerio: regalar un par de zapatillas para “axudarche” a buscar casa (iso si, cun nome molón, kelifinder, para que sexa resultona a cousa), e a famosa axuda para xente nova que xa ten un resultado contrastábel e ven visíbel: a prensa facíase eco estes días de que, de media, os alugueres subiron cen euros grazas a tan brillante e meditada iniciativa.

E pola contra, a Señorita Loli e os seus sosteñen que a consellaría de Vivenda non fai nada e emprazan a Quintana a poñela a traballar. Cómpre lembrar a resistencia da franquicia galega do PSOE a situar no 40% o solo destinado a vivenda protexida nos planeamentos urbanísticos para facer baixar o prezo da vivenda e facilitar o acceso da mocidade á vivenda (eles e os seus alcaldes promotores saberán por que). É necesario recordar o codigo técnico da edificación que proscribe as vivendas de menos de 50m2 (que quería impór, lembremos, unha tal Antonia Trujillo, a primeira comisaria política para a vivenda do goberno central do PSOE, aínda que se cadra a Señorita Loli deso non se quere lembrar). E non se pode pasar por alto tampouco as bolsas para aluguer de vivenda para os estudantes de ciclos formativos, da que por certo, nada se viu na web do CXG, ocupado como está en facerlle coros e palmas a Carme Chacón e ao remedo do plan labora de Ricardo Varela. Que para iso son da casa. Tres exemplos que abondan para ver unha política con criterio de cara á problemática da vivenda para a mocidade (quen queira máis que mire a web da consellaría ou chame ao gabinete, porque habelos, hainos).

Pero todo isto, diciamos, non é facer uso partidista da entidade consultiva representativa da mocidade galega. As xuventudes da franquicia galega do PSOE impoñen o seu criterio e opinión ao obviar a legalidade e non convocar as xuntanzas que teñen que convocar, para tomar decisións ou conformar a vontade e o parecer do conxuga. E a presidenta confunde a posta a súa casa co Consello, que somos todas e todos, e larga as súas opinións persoais e as súas arengas políticas desde unha tribuna que debera ser consociacional. E por riba, até fai política mal e comparte mesa e mantel (léase o goberno do CXG) coa organización que lle armou acampadas á Trujillo polos minipisos. E cada vez que fai crítica das políticas xuvenís da Xunta esquece que a situación é a que é porque os seus socios de goberno no CXG estiveron 16 anos facéndolle a puñeta á mocidade deste país. Pero dos minipisos da Trujillo e do pacto PP-PSOE que hai no CXG a Señorita Loli, calzada coas súas kelifinder para darlle de patadas ao BNG, non se lembra.

N.B. O apelativo sexista de señorita ten unha explicación: na xuntanza do CXG do pasado sábado chamámoslle “señora” e ela, toda digna, respostou que ela era “señorita”. Dado que non nos atendeu a explicación daquela, agardo que cando chegue ao minipiso trujillista e se quite as kelifinder colla un libro e lea un pouco. Que falta lle fai, ¡señora!