|
|
| A resposta está no vento |
|
 Ano 2005: descóbrense os negocios eólicos de Francisco Vázquez (PSOE). Un Director Xeral do goberno do PP (Ramón Ordás Badía), filtraba a través do seu cuñado (Luís Castro Valdivia) información e concesións de muíños de vento e minicentrais, segundo uns criterios nunca explicitados e en concorrencia, por dicilo dalgún xeito, íntima. As conexións empresariais de Francisco Vázquez con estes señores e co presidente da patronal, Antonio Fontenla, custáronlle ao galegófobo a alcaldía da Coruña, aínda que a cambio sentou na embaixada máis vella do planeta. En todo ese tempo de trama eólica que aínda colea nos tribunais, con resolucións do Parlamento nas que PP e PSOE tentaban escurrir o vulto, un xornal curuñés de ampla difusión non dedicou unha triste liña, unha triste columna de opinión, aos negocios espurios do daquela senador Vázquez. Daquela o PSOE non tiña “dúbidas xurídicas” e os negocios de Francisco Vázquez, a pesar de tirarse da manta e levantarse a que se levantou, non pasaron de ser “as cousas de Paco”.
Ano 2008: un concurso eólico convocado ao abeiro dun decreto publicado ano e medio antes e rexido polas bases que ese decreto sentou en letra oficial de gaceta do goberno ergue “dúbidas xurídicas”. Algo máis de 2000 megawatios han de se repartir entre aquelas ofertas que mellor se axusten ás bases do concurso explicitadas no DOG, onde puntuarán, entre outras cousas, reservar unha porcentaxe deses megawatios para o Goberno de Galiza ou desenvolver proxectos industriais complementares, de xeito que a riqueza que se vai obter dos muíños que operan co vento de todas as galegas e galegos repecurtan positivamente no desenvolvemento económico do país de todas as galegas e galegos. Con anterioridade a este concurso público, uns 4000 megawatios foran repartidos sen un procedemento público e con criterios taxados publicados en boletín oficial algún, dando lugar, entre outras cousas, aos negocios de Paco Vázquez ou aos parques eólicos para a xente das esquelas (“fillos, primos e demais familia”). O PSOE, lembremos, en todo aquel tempo tampouco tivo “dúbidas xurídicas” sobre o proceso empregado polo goberno de Fraga e Núñez Feijoo para as adxudicacións.
Ano 2008: o xornal curuñés emprende un bombardeo preventivo desde os primeiros meses do ano cuestionando que sexa o partido máis pequeno (en representación parlamentar) do bipartito o que faga a adxudicación do concurso eólico (que terá que ver un resultado electoral coa xestión dunha carteira nun gabinete!). Opinadores e vicedirectores emprenden un traballo de zapa e mina a fin de deslexitimar a unha banda do Goberno de Galiza, co silenzo cómplice do seu In-Presidente, Emilio Pérez, que deixou diante dos cabalos a un dos seus conselleiros. Aos poucos vanse sabendo as motivacións que moven ao “último editor independiente” (*sic) para cuestionar un procedemento aberto e con bases públicas cando antes calara as adxudicacións dixitais: un dos concorrentes ten un novo xornal que entra a competir directamente contra o do editor "independente".
27 de decembro de 2008: o Conselleiro de Industria e o Vicepresidente do Goberno de Galiza, pois o In-Presidente estaba desaparecido en combate e o seu partido tiña “dúbidas xurídicas” nun proxecto asumido pola totalidade do gabinete, presentan a lista de proxectos admitidos a trámite no concurso eólico. Nos días anteriores o xornal curuñés de ampla difusión recrudecera a súa campaña anunciando que unha constructora que edita outro xornal había copar o concurso. Fernando Blanco e Anxo Quíntana deixan co cu ao aire ao editor "independente" e botan por terra a súa carreira coma pitonisa: unha peneira técnica deixa fóra as licitacións que non se axustan á literalidade das bases do concurso. Lonxe de calar discretamente e deixar pasar o asunto, o xornal curuñés arrecia na crítica anunciando xa recursos e disparando contra a cabeza do Vicepresidente do Goberno de Galiza. Tan só unha columna dun ex-vicepresidente da Xunta pon as cousas no sitio, mais é unha voz que clama no deserto á par de vicedirectores que falan dunha adxudicación con goberno en funcións (no DOG aínda non está publicado decreto algún que disolva o Parlamento de Galiza, e ate que pita o árbitro os 90 minutos son fútbol, machiño).
Un Goberno que controla máis do 14% dos muíños de vento novos (fronte ao 0 das anteriores adxudicacións), un Presidente desaparecido, un PP botando ao monte cuestionando un procedemento público (eles botarán en falta o dedazo para favorecer aos amigotes), un editor de xornal que comprometeu definitivamente a credibilidade do seu rotativo e queimou os barcos na súa cruzada. Poñerá Jacinto Rei agora unha querela ao xornal curuñés logo da campaña de difamacións que emprendeu o “último editor independiente” (*sic)? A resposta está no vento. |
|
|
|
|
| A vea fascista do PP |
|
 Tiña practicamente rematado un artigo sobre os recelos que agora ten Núñez Feijóo sobre o voto emigrante (que non tiñan cando quixeron facer de Pontevedra a Florida galega logo daquel histórico 19 de xuño). E nestas saíu o capo patrone cunha baldronada das súas e cambio o plan sobre a marcha, que total do voto emigrante que o PSOE non quere reformar para beneficiarse do sistema podrido que temos poderemos falar calquera día destes.
Recoñezo que Fraga Iribarne me pone. Ponme do fígado que un suxeito coma el poida pousar o traseiro nas cadeiras de calquera institución democrática co historial que ten. Porque pode ser que a UCD e o PSOE absolveran a suxeitos coma el (de AP-PP non falamos porque é digno fillo de seu pai) pero, sen lugar a dúbidas, a Historia o condeará. En calquera nación ou Estado normal un suxeito coma este estaría condenado ao ostracismo polos seus gloriosos episodios nacionales (desde o ministro da censura até Montejurra e os mortos do 3 de marzo do 76 en Vitoria, sendo xa ministro democrático, do mausoleo e o culto a Donmanuel, da palabra infalíbel do líder “yo, lo que diga Donmanuel”, de Reganosa e as vacas tolas enterradas en cal viva a carón da escola de Mesía ao infinito e alén).
Cando ao PP alguén lle afea que aínda hoxe non foran quen de condear o golpe de Estado de 1936 e a subseguinte guerra que provocou saen pola tanxente dicindo que non son problemas que preocupen á xente e que o pasado xa queda moi alá. Aínda que logo saian suxeitos coma Mayor Oreja dicindo que o franquismo foi unha época de paz social. Ou episodios coma o protagonizado estes días polo suxeito que nos ocupa. E en ambos casos o PP, que pretende reclamarse partido plenamente democrático e demócrata, mantén a simpatizantes confesos dun réxime que pisoteou os Dereitos Humanos, o primeiro no Parlamento Europeo e o segundo no Senado.
A palabra Senado provén do latín senex, ancián, pois eran os máis vellos, ao entenderse que eran os máis sabios ao acumular maior experiencia vital, os que deliberaban e decidían o mellor para a comunidade. Hai, pois, que valorar se un suxeito que propón colgar a unha parte, por nimia que fose, da comunidade está capacitado para sentarse e codecidir na Cámara dos máis sabios.
Pero é que ademais unha Cámara democrática nun réxime democrático non debera admitir entre os seus membros a quen fai apoloxía da eliminación física do adversario (por non deber, non debera permitir que un ministro dun réxime fascista ocupe cargos de representación nunha sociedade democrática por mera hixiene). Claro que con representantes públicos electos desta calaña a un non lle estraña que non teñan reparo algún en sumarse entusiasticamente a colaborar co vertedeiro e retrete da Humanidade que é Guantánamo. O PP ten unha vea fascista que agroma espasmodicamente para retratar o que en realidade son: ao lobo asómanlle os caninos por embaixo da pel de cordeiro.
Así que hai dúas hipóteses: que o senador estea senil, co cal debera ser declarado incapaz para exercer a representación e ceder a acta a quen poida exercer o cargo con garantías, ou que agora que gaña a acta sen elección directa Fraga Iribarne diga todo o que realmente pensa. Isto significaría que estaría disposto a empezar agora mesmo outra liquidación sistemática e planificada de canto e canta non se amolde ao seu esquema de pensamento (xenocidio, señoras e señores), coma no 36. E nese caso é obvio que un suxeito cunha fin confesa desta entidade non debe permanecer un segundo máis nunha Cámara de representación territorial nun réxime democrático. Ambas conflúen, pois, nun punto: Fraga Iribarne debe abandonar xa o Senado. |
|
|
|
|
| Lavado de cara presidencial |
|
 A serpe deste verán case ausente foi o ruxerruxe disparado interesadamente por un sector da franquicia galega do PSOE, desde os corredores do seu congreso, sobre a oportunidade do adianto das eleccións galegas. Un rumor patrocinado, sostido, alimentado e mantido durante máis dun mes de xeito intencionado e partidista. Unha tentativa desesperada da franquicia galega do PSOE por marcar a axenda e a actualidade política dado que hai ben tempo renunciaron á iniciativa política (agás para certa especie de compoñendas, desde fraudes co voto emigrante até planos acuícolas).
Unha polémica estéril e gratuíta para que non había máis motivo que a comenencia electoralista da franquicia do PSOE en Galiza. Un partido que pretendeu especular con este país ante o temor de que empeore o seu horizonte electoral. E ao país que lle dean! O PP entrou, furibundo, con artillería pesada, predicando do PSOE as mesmas miserias que eles padecen: comenencia electoralista, dependencia de Madrid para a toma de decisións, subordinación a discursos e lóxicas foráneas, desleixo polo país que queda nun segundo (ou terceiro) plano,... Coma o mono aquel do anuncio do coche, o que levaba a ballesta, disparando para todos lados, para calquera lado. Predicando como alleas as miserias propias, mais, en todo caso, esquecendo tamén o país e as dificultades e botando tan só os números da súa propia comenencia electoral.
Que durante este mes e pico de especulacións gratuítas tan só unha parte do goberno galego se dedicase a elaborar unha estratexia para minimizar os efectos da crise económica é moi revelador da concepción do goberno e o servizo público que algúns teñen. Porque mentres isto acontecía, voceiros parlamentares doutra parte do goberno entraban en campaña abertamente con furibundos ataques (con, francamente, pouca chicha, que todo hai que dicilo) contra o terzo nacionalista do bipartito, que precisamente estaba enfundado no mono de traballo, lonxe da especulación dos outros, os que só queren este país como campo de tiro onde dirimir as súas diferencias madrileñas.
O importante todo este tempo era que se falase de Emilio Pérez, porque se reparades a pensar, en que outro momento da lexislatura se falou del? Nunca. Había que falar del e de algo que tan só el puidese facer. E podía ser por desautorizar a Pachi Vázquez por terlle dado a bendición a ENCE, pero non foi tal. E podía ser por modificar substancialmente o Plano Acuícola para que non tocase a Rede Natura, pero quita. E podía ter sido por frear á alcaldallada (un alcalde é algo distinto a un ariete partidista!) do seu partido cando atacaron a normativa sobre vivenda de calidade que lanzou o goberno galego, pero daquela Emilio Pérez non foi coherente, como vendeu cando quixo salvar ao PP de rendir contas ante a Xustiza polo escandalo do monte Gaiás. E tampouco foi por iso.
A xogada estaba moi ben medida, un xogo de gañador único: se había adianto, o Presidente preparaba o país para un golpe económico importante e todas as outras trapalladas coas que determinados tertulianos, columnistas e grupos de comunicación nos bombardearon e pretenderon atontar durante este pesado mes e medio de cábalas. Se non había adianto, xa sabemos o discurso tamén: un home que antepón o país á comenencia electoralista, un home de Estado, un señor Presidente, que se “veis como no es un títere de Ferraz” ou que se imos xestionar mellor o que queda. O lavado de cara para un presidente mediocre no treito final do mandato que os mesmos tertulianos e columnistas pretenden facerlle a el, e a nós, espectadores do esperpento, unha trepanación da sesera para negarnos que hai quince días predicaran o contrario e negar a maior da burda, simple e sectaria comenencia electoral coma argumento único do adianto que propugnaban. E que Touriño, o coherente (quen é agora incoherente, o Secretario Xeral ou o seu partido, por largar semellante culebrón de verán?), é un gran presidente.
Cando o obvio é que non foron capaces, os ideólogos e retóricos da franquicia do PSOE en Galiza, de construír un discurso minimamente críbel para soster un adianto electoral sen máis xustificación que a comenencia electoralista do partido do In-Presidente. E, por riba, coa coroa da deslealdade de non ter comunicado nada de todo iso ao Consello da Xunta, que debe deliberar sobre o asunto, e de soster irresponsabelmente (ao dar a calada por resposta) durante mes e medio a inestabilidade das elucubracións nun escenario de crise económica: un Presidente desleal coas institucións e a cidadanía deste país. Así que fagan agora lavado de cara presidencial, que han gastar ben xabrón no empeño! |
|
|
|
|
| Balanzas de matute |
|
 O goberno central publicou as famosas balanzas fiscais e os media galegos botáronse enseguida a pontificar sobre o de sempre, a necesidade que ten Galiza da misericordia allea e o agradecidiños que tiñamos que estar por sermos un país subsidiado. Lembremos que non hai moito o goberno Fraga, o PP en definitiva, vendera como unha grande conquista que Galiza seguise a ser un territorio obxectivo prioritario para a Unión Europea. E os acólitos deses intereses pregoaron enseguida esa “boa nova”, loando a misericordia recibida e facendo votos por que tal maná siga a caer do ceo a perpetuidade, porque somos un país que non sabe valerse e precisa da aperta xenerosa dun titor que nos guíe polo bo camiño. O abrazo do oso.
Un profesor de estatística, nos tempos da facultade, dixéranos unha máxima que desde entón aplico, como se fose a dúbida metódica de Descartes, a canta estatística aparece. A sentencia, crúa, viña dicir algo así como “os datos, convenientemente torturados, cantan o que un quere”. E neste caso, como tantos outros, non é unha excepción, e imos ver algúns detalliños para que alomenos por algunha regandixa do descurso oficial do stablishment se cole unha raioliña de veracidade que achegue algo de luz ao cadro.
Porque en primeiro lugar, cómpre ter presente que o Estado recada ao ano en Galiza da orde de 11.000 millóns de euros, e esa mal chamada solidariedade fai que retornen uns 7.000 millóns. Logo, é doado facer a conta e concluír que se perden uns 4.000 polo camiño. Sostén Galiza en exclusiva o peso e custe das institucións comúns (Coroa, corpos de seguridade, Cortes,...)? Como se pode soster que che entregan solidariamente algo que en realidade achegas ti? Sácanche os cartos do peto esquerdo, métenos nun caixón, lévanche un terzo, danche o resto e exixen que aínda por riba lles esteas agradecido!
Sobre este dato obxectivo, tirado dos números da estatística oficial, veñen outros moitos. En primeiro lugar meter como solidariedade as pensións da Seguridade Social, un dereito adquirido logo de anos de traballo. Traballadores e traballadoras galegas cuxa vida laboral transcurriu en Euscadi, Cataluña ou Madrid que agora retornan e que ven que as súas pensións son, para o goberno central, unha mostra da solidariedade desas terras con eles. E non será un dereito adquirido a pulso logo dunha vida de traballo? Non é unha argallada propia de trileiros vender como caridade este dereito?
O outro día, en Cambre, Bieito Lobeira dicía que para o goberno central en Galiza non hai fumadores. Sostiña a afirmación no dato nada desprazábel de que o imposto sobre o tabaco, como tantos outros, figura residenciado en Madrid nestas balanzas. Polo tanto o fume que tragamos en Galiza non é máis cá unha ilusión fiscal produto da retorcida mente dos nacionalistas. Poderiamos seguir este argumento cos bebedores de alcol, cos consumidores de carburantes,... Todo porque computan como ingresos madrileños, esto é, da comunidade madrileña, os tributos de todos os cidadáns deste Estado. A ver se isto non é o timo do tocomocho!
E logo outros inventos como o chamado “efecto sede”: resulta que FENOSA, coa maioría dos seus activos en Galiza, tributa por eles en Madrid, que é onde ten sede fiscal. Botádelle o que suporían o IBI de embalses, minicentrais e parques de muíños (antes, claro está, de que o progre ZP lles perdoase o imposto que nós pagamos polas nosas casas) e os demais impostos que a eléctrica debe pagar e que fican territorializados tamén na comunidade de Madrid. E como con FENOSA acontecería outro tanto co resto de empresas galegas con sede fiscal en Madrid ou daquelas que teñen a maioría dos seus activos aquí e os seus tributos se computan en Madrid (desde os restos mortais de Fadesa á propia Navantia).
As balanzas fiscais, con esta forma de cómputo, estan moi ben pensadas para soster ese discurso falaz da Galiza eternamente subsidiada, un apoio teórico necesario para esa praxe de PP e PSOE de soster o veto político aos astaleiros ferroláns e de desmantelar a gandaría leiteira e a frota galega ao tempo que se levanta a gandaría montañesa e a frota andaluza. Antes tíñase claro que os media defenden intereses concretos detrás das súas editoriais, agora os que se reclaman como os máis revolucionarios do mundo mundial aceptan coma argumento irrefutábel, coma dogma de fe os titulares dos grandes xornais galegos. O caso das balanzas fiscais, desde logo, non é unha excepción. |
|
|
|
|
| Censura na TVG |
|
 Dubidaba entre escribir sobre as concesións do goberno central ás eléctricas (IBI de embalses, supresión da tarifa nocturna) en tempos de crise e a venta de FENOSA ou os coletazos da comisión sobre a fraude electoral que na última entrega protagonizou o PSOE co voto emigrante e a resistencia a establecer un sistema transparente e garantista do voto para a diáspora. E digo dubidaba porque co recente suceso da censura, secuestro e retoque do anuncio do Festigal por parte da dirección da televisión pública de Galiza vexo imprescindíbel reflexionar sobre o calado da cuestión.
O primeiro que se me veu á cabeza ao ler a nova foi pensar no cómodos que deben estar no Consello da CRTVG os representantes das forzas políticas españolistas, soíños grazas á actitude do fato de deputados e deputadas aos que Víctor Hugo dedicou unha novela e Schönberg un musical. Así poden cometer os atropelos que lles pete, deixar verse bandeiras fascistas nos partidos de fútbol e bombardearnos con La Roja, con expresións de todo tipo que sobardan o meramente deportivo e futbolístico sen que ninguén diga nada. Nin, moito menos, que iso é deporte, non política. Iso si, a estreleira como elemento dun spot publicitario é algo tan reprobábel que merece tesoira inmediata da dirección do ente, non vaia ser que alguén diga que a TVG está politizada.
O segundo que se me ocurriu, relacionado co primeiro, é que no fondo a Touriño e a franquicia en Galiza, si, Galiza, do PSOE lle amolou que o BNG rexistrase no Parlamento unha iniciativa para reformar a CRTVG e que o seu director saia dun nomeamento do Parlamento. Algo ao que Touriño se resiste para poder pasar da Telegaita á Teletorito, co plaxio a Cuatro, telePSOE, nos platós e decorados, coas cores corporativas do PSOE. E que con esta trécola devolvían a xogada.
O terceiro, para que mentir, que pensei foi que isto xa é unha guerra declarada. Unha guerra electoral, entendamos, e que o PSOE fai xa o que sexa con tal de minimizar ao incómodo compañeiro dos corredores de San Caetano. E así saen mesas de diálogo trapalleiras, que non serven para nada e obviando á segunda central sindical do país, webs institucionais que semellan partidistas e chorradas supinas por querer recurtar un anuncio que doutro xeito pasaría sen pena nin gloria polo panorama televisivo galego a estas alturas do ano.
E, que queredes, entre que se reparten as axudas aos medios coma antes, que se fan axudas a medida de entidades amigas como antes e que no voto emigrante segue a haber fraude como antes, dá a sensación que mentres nestes tres anos houbo un cambio real en determinadas cuestións, noutras seguimos como sempre, e non hai moito aínda que falabamos de Lampedusa.
Así que dado que vai de órdagos o verán, co PP querendo procesar aos que aprenderon as súas artes entre a emigración e co PSOE actuando de tribunal inquisitorial coa televisión que pagamos todas e todos, eu levaba o caso do anuncio recurtado ao Parlamento de Galiza, para que o In-Presidente, o que pon as travesas do AVE actuando de delegado do goberno de Madrid no canto de conselleiro dun goberno galego e mais o director dedocrático (agora dise dixital) da TVG dean as explicacións pertinentes. E de paso ver como se retrata o PP, se segue a ser cómplice destas cousas ou se levanta o veto absurdo e permite no Consello da CRTVG que haxa quen lle pare os pés a un PSOE cheo dunha arrogancia desmedida como a que teñen nestes tempos de crise. Ai, non, que se digo crise son antipatriota.
|
|
|
|
|
| A crise. Agardando a Godot. |
|
 Se facemos caso do que di o Gran Xefe Palabras Bonitas, pero Ocas, o rintintín nos sonará posibelmente aos tempos do aznarismo, aquel soniquete machacón e imposíbel do “España va bien”. Se cremos as verbas do Gran Xefe Palabras Bonitas isto é unha balsa de aceite e como moito se reduce algo a velocidade de cruceiro con que transita polo espazo o misil da economía do Estado. De facerlle caso aos circunloquios rimbombantes de José Luis Rodríguez e a súa caterva de acólitos, hai unha certa desaceleración, un crecemento negativo (por favor, que alguén me explique o sentido deste eufemismo tan patético), un recorte nas previsións de crecemento, un non sei que de non sei como. Unha patraña, unha mentira, un dobre salto mortal con triple tirabuzón para non dicirlle ás cousas polo nome. Para non recoñecer que hai recesión, que hai crise.
E se non pode haber crise, obviamente non pode haber medidas para atallala. E por iso os deputados e deputadas do PSOE de todas as Cámaras e especies negan a maior, miran para outro lado e asubían agardando a que pase a borrasca. O que se é temerario cando ven de deputados, resulta xa directamente inadmisíbel cando se trata de gobernantes.
E aí tendes a Emilio Pérez, In-Presidente desta nosa Galiza (si, Galiza) vendendo no exterior a este país coma un feixe de operarios cualificados e de baixo salario e o conxunto coma un lugar con pouca conflitividade laboral, plaxiando a perniciosa política do PP. E aí está o conselleiro de Economía, Fernández Antonio, patalexando porque non é plaxio de ninguén, senón que a aberración de vender este país ao inversor estranxeiro coma persoal laboral a explotar por catro patacóns era invención súa. Que mellora moito a cousa vindo de quen se reclama socialista (claro que para socialismo, o Tratado de Lisboa, a directiva europea da plusvalía e mais a da deportación masiva destes días). E de colofón, cun conselleiro de Traballo ao que só se coñece por amparar axentes electorais fraudulentos e non por arranxar o marco laboral galego, Emilio Pérez, In-Presidente desta Galiza (si, Galiza), sostén publicamente (e non lle cae a cara de vergoña) que lle importa un bledo o concurso eólico que vai traer proxectos de desenvolvemento para esta terra e vai poñer ao servizo do país o que ate agora lucraba a catro amigotes (Paco Vázquez, dese mesmo PSOE que Pérez, entre eles). E digo eu que un bledo non lle ha importar cando a prensa amiga afirma que non é de recibo que a tarta a reparta o partido máis pequeno do arco parlamentar galego (medo a non pillar cacho?).
Claro que se non hai crise, tampouco fan falla medidas fronte a ela nin para lanzar a nosa economía nacional. Logo se perde o tempo ao poñer as bases do ansiado grupo lácteo galego, logo se perde o tempo ao pretender que a xeración eléctrica reporte beneficios a Galiza, logo se perde o tempo ao pretender quitar ENCE da ría e pechar o ciclo produtivo coas debidas garantías ambientais, logo se perde o tempo ao buscar un agro rendíbel e sustentábel, logo se perde o tempo ao promover solo empresarial ou solo residencial para abaratar o prezo da vivenda, logo se perde o tempo ao pretender que ASTANO retorne á actividade civil coa necesidade de empregos que hai e coa carga de traballo que teñen os astaleiros galegos, logo se perde o tempo ao pretender rendibilizar os nosos recursos culturais ou ao fornecer de benestar ao noso pobo. Se todas estas cousas importan un bledo, que é o interesante para Emilio Pérez?
O interesante é non facer caso do dictame sobre a axente electoral que mercadeaba votos para o PSOE depurando as responsabilidades como lle demanda o dictame ao In-Presidente da Xunta? O interesante acaso é manter o remedo miserábel do Plano Labora de Ricardo Varela, ou coma diantre se chame en progre, para seguir a fomentar a precariedade laboral neste país (supoño que si, vendo como nos vende no exterior o PSOE!)? O interesante acaso será facer mutis polo foro cando o goberno amigo (maldita teoría a dos gobernos amigos!) non se compromete a pór prazos ás infraestruturas que precisamos e que levamos anos pagando cos nosos tributos? O interesante acaso é ampararse e ceibar á alcaldallada a enfrontarse, por intereses espurios e personais, a unhas Normas do Hábitat que poñen couto á especulación e fixan uns mínimos de calidade para as vivendas? Ou é que a xente non está farta de pagar cada vez máis por unhas vivendas cada vez máis pequenas? Iso non é importante?
A solución, a de sempre, plaxiando outravolta ao PP: cemento. No último ano da lexislatura, cemento e asfalto para acalar críticas. Pero non hai unha iniciativa do sector do PSOE no goberno galego para xerar emprego de calidade ou amolecer a crise que, non é que veña, que temos enriba. E mentres tanto, permanecen á espreita de que o Gran Xefe Palabras Bonitas teña a ben recoñecer a realidade e, logo, autorizar a adopción de medidas para paliala. Agardando a Godot. |
|
|
|
|
| Odio a Lampedusa |
|
 O gatopardo de Lampedusa é coñecido por unha célebre sentenza que espeta un dos seus protagonistas a propósito de cómo se estaba a levar a unificación italiana: “é preciso que todo mude para que todo siga igual” (para o resto dos detalles da novela, e para celebrar as festas do libro e o idioma, hai unha tradución galega en Galaxia, toma publicidade gratuíta). Tal semella ter acontecido co sector comandado dentro do goberno galego pola franquicia en Galiza do PSOE, cambiar todo pero que todo siga igual. É indiferente a área que se escolla para facer esa análise, pois nin de lonxe aparecen solucións aos problemas deste país equiparábeis ás medidas transformadoras emprendidas polo sector nacionalista do bipartito, casos do Banco de Terras, as medidas para os montes, defensa dos sectores leiteiro e vitivinícola, Sistema Galego de Benestar, Plano Galego de I+D+i, nova política en vivenda, solo industrial ou xeneración enerxética, equipas deportivas, difusión sen complexos da nosa cultura nacional,...
Na escandalosa realidade a que está sometido o voto emigrante neste país temos o recente caso da dobre axente electoral do PSOE (logo do PP) pagada con cartos do erario público, coa tentativa da Consellaría de Presidencia de botar terra polo asunto. E falando do voto emigrante, alcanzado acordo unánime estes días no Parlamento, está por ver se chega a algo á vista de cómo se comporta o PSOE cos acordos unánimes do noso Parlamento. E iso que a ministra de Administracións Públicas é “galega coma ti”, de fraguián recordo, e de verbo tan áxil como fráxil de palabra, agora o tráfico nin tocalo.
Pero hai máis, esta semana sen ir máis lonxe. En Medio Ambiente, esa consellaría dedicada a montar unha rede clientelar paralela á de Baltar en Ourense e en facer a cama e a competencia á de Medio Rural por todo o país. Só tiña un compromiso emanado do pacto de goberno o conselleiro do PSOE (nótese que evito moito falar de "socialista") e era trasladar o complexo ENCE-ELNOSA da ría de Pontevedra. Pois acaba de facer xusto o contrario, darlle beizón para comprometer a saúde de cantos e cantas viven en torno á ría de Pontevedra. E xa non falo do medio ambiente porque polo que se ve á Consellaría homónima pouco lle importa a xulgar pola falta de inversión decente en saneamento das rías, e polas tibias respostas ante sentinazos até no curso medio do río Miño, episodios coma o do encoro de Fervenza,… E coa Sanidade como está, todo cambiou para seguir igual, e co o ensino como está, incumprimento do decreto do galego e reforma espectacular e progre do bacharelato (e estou trascendendo a liña que separa a retranca do sarcasmo), e cun Presidente que non vou calificar e que abandona o hemiciclo para non votar as conclusións da comisión de investigación da Cidade da Cultura a pesar de todo canto se destapou, e coa alcaldada toda revolta para atentar contra a mellor política de vivenda que se fixo neste país na historia contemporánea (ou a primeira política, a ausencia de política perpetrada polo PP resultou en 20.000 solicitantes de vivenda protexida e 10.000 pisos baleiros á par da alza espectacular do prezo da vivenda e o declive da habitabilidade e calidade dos inmobles e iso é o que os alcaldes do PSOE están a avalar)… con este panorama aínda se fan os doídos, os ofendidos e exixen unha desculpa.
En realidade a desculpa débennola eles por facernos crer que ía ser o goberno do cambio que o país necesitaba. E non se me entenda mal, porque nun terzo dese goberno si hai unha resposta aos problemas do país, en forma de diagnósticos e solucións. Pero pretender tapar toda unha lexislatura cun aluvión de metros cadrados de asfalto en ano de vésperas electorais trae demasiados ecos ao fraguismo que se ía superar, non en van a primeira proposta do In-Presidente foi blindar ao seu predecesor para garantirse a xubilación. Así que que se garde moito Ismael Rego de pretender dar leccións, que non fale ninguén da franquicia en Galiza do PSOE de trastornos bipolares (falan eles que votan unha cousa e mais a contraria e quedan tan anchos) e que aproveiten o ano que queda en cumprir cos compromisos do goberno en vez de queimar todos os cartuchos en fontanaría. Porque se a xente coñece máis aos conselleiros e conselleiras do BNG cós do PSOE será por algo. Así que no que iso acontece, eu son da opinión de Carlos Aymerich. E odio a Lampedusa! |
|
|
|
|
| O problema non é D´Hondt |
|
 Ou alomenos non é o principal problema do sistema electoral vixente. O apelido do matemático belga saltou á palestra mediática na resaca do 9 de marzo porque algúns partidos estatais non viron o froito dos seus votos traducidos en escanos e se lembraron, agora, de Santa Bárbara cando chove cando o certo é que levan anos caendo chuzos de punta e até o de agora neste tema, coma noutros moitos, facían parte da procesión dos caladiños.
A fórmula electoral inventada por D´Hondt, efectivamente, distorsiona levemente os resultados ao concentraren os escanos nas dúas primeiras forzas da circunscrición a conta da terceira (por xa non falar das seguintes). E desde logo sería moito máis atinada, desde o punto de vista da representatividade do resultado (que non sería outro que traducir o número de votos en número de escanos coa menor desviación posíbel), unha forma de reparto proporcional puro. Por dar un exemplo.
Mais o maior problema do sistema electoral non é, con todo, a fórmula de reparto dos escanos. O maior problema é a sobrerrepresentación de circunscricións, o tamaño das mesmas e o escándalo maiúsculo do voto emigrante, sobre o que xa temos falado abondo.
A circunscrición electoral é a provincia, e leva cada unha un mínimo de dous deputados e catro senadores. A maiores, o resto, até 350 deputados, son repartidos de forma proporcional segundo a poboación, con particularidades no caso das illas e as cidades autónomas. E aquí xa atopamos a primeira das trampas que sobrerrepresenta territorios e ás forzas predominantes. Comunidades Autónomas con moitas provincias e pouca poboación (circunscricións pequenas, falando do número asentos que ocupan nas Cortes) terán máis representantes que outras con poucas provincias e maior poboación, caso de Castela-León e Galiza respectivamente. E se sae máis barato (en votos) un escano en Soria que en A Coruña é en grande parte por isto e só secundariamente pola lei D´Hondt.
Pero é que ademais o reparto supostamente proporcional dos deputados segundo a poboación atopa alomenos outro escollo para ser realmente representativo. Ese reparto faise en base ao padrón de habitantes, que nin moito menos é sinónimo do censo electoral. Os escanos distribúense, como queda dito, en base ao padrón. O padrón inclúe residentes que non figuran no censo electoral (inmigrantes ou xente que non vota, por idade ou inhabilitación, por dar dous casos). E agora entra novamente o vicio do CERA a distorsionar a distribución de escanos nas circunscricións: o CERA non está incluído no padrón, polo que os incluídos no CERA non computan aos efectos de distribuír os escanos. Mais si votan para escoller ás persoas que han de ocupar eses escanos. Poñédevos en situación: a Galiza, de contar o CERA para distribuír escanos, corresponderíanlle uns cantos asentos máis nas Cortes, mais non só non contan, senón que ademais entran no reparto dos escanos atribuídos en función do padrón. O problema tería doada solución cunha circunscrición propia ou computando aos inscritos no CERA no padrón da súa respectiva circunscrición, mais o sistema actual beneficia a quen beneficia, e por iso se mantén. Figurádevos esta distorsión a nivel municipal, onde o padrón determina tamén o número de concelleiros a elixir e se pode dar o caso de que veñan máis votos de fóra que os que hai dentro. E só a partir de aquí, con estas graves distorsións, D´Hondt empeza a ser un problema. |
|
|
|
|
| Reflexións sobre o voto emigrante: a Santa Compaña electoral |
|
 Nos dous artigos anteriores entrei a valorar algunhas das variábeis do voto emigrante e algo apuntei xa sobre a limpeza do CERA, sobre o que agora repararei. Como unha anotación crítica lembraba atinadamente, é competencia do Estado manter limpos de toda sospeita os censos electorais, tanto os de dentro coma o de fóra. Teño unha anécdota persoal que pode ser ilustrativa da situación actual dos censos.
Nunhas eleccións (a verdade é que non lembro cales) tocoume de interventor nunha mesa do meu concello na que van votar os internados nunha residencia da terceira idade. Coma vogal da mesa tocoulle a unha das monxas que rexentan o establecemento. Ás seis da tarde unha interventora do PP detecta alomenos unha persoa presuntamente internada na residencia e requírelle á monxa que a baixe a votar. A presunta e desexada votante tería daquela 115 anos e a monxa, ante a insistencia da interventora do PP, di que leva máis de vinte anos nesta “casa” e que non lembra señora algunha co nome da requerida no establecemento. É obvio que advertimos á presidencia da mesa de que se aparecia a centenaria señora ausente por vintetantos anos da residencia a votar impugnaríamos a mesa.
A anécdota serve para ilustrar perfectamente o estado en que se atopan os censos electorais, extremo que doadamente se pode cotexar convocatoria tras convocatoria e que, supoño, non se atreverá a negar ningún representante de ningunha das forzas (nos faladoiros que se forman na xornada electoral todos o recoñecen). Cos residentes presentes esta distorsión imperdoábel sálvase co voto en urna onde tes que te acreditar para exercer o teu dereito a voto e o procedemento de voto por correo ten unhas certas garantías, co que a fraude electoral é mínima. Mais outra cousa ben distinta é o que acontece co voto da diáspora.
A ausencia do voto en urna é unha clamorosa facilidade á manipulación do sufraxio dos residentes ausentes. Axentes electorais recollen os votos para depositalos nas oficinas de correos como se fose un favor. E os defuntos, como recolleron documentalmente os xornais nestes días, tamén se apuntan á festa aínda que non o saiban. Por que acontece isto? Pois porque a lei electoral o permite. E por que o permite, preguntaredes. Pois porque a situación favorece ao partido que controla o aparello do Estado: PP e PSOE aplican ao voto emigrante aquelo do “hoxe por min, mañá por ti” para manter o sistema sen as máis mínimas garantías porque lles favorece. Cambia a forza do goberno, cambia a correlación de forzas na diáspora, o que dá unha proba elocuente das condicións en que se emite este voto. E probas tivemos nesta pasada campaña co cheque pontevedrés de Feijóo ou a axente electoral do PSOE que se pasou ao PP. Vímolo outra vez: PP e PSOE tiráronse os trastos á cabeza, pero alguén sentiu que se comprometeran a cambiar a lei electoral para que non se repetise isto? O único que se oíu foi o globo sonda da circunscrición para a diáspora. Unha promesa que chega ben tarde, logo de trinta anos de eleccións democráticas nas que as dúas grandes forzas compadrearon na barra libre do pucheirazo e se deron tempo para armar as súas redes clientelares cos cartos de todos.
Teño un amigo que dixo hai un tempo, cando se deran casos de votantes defuntos a esta banda do Atlántico, que votar ao PP para un galego era coma ir a San Andrés de Teixido: o facía de morto quen non o facía de vivo. No caso do CERA o demostraron os xornais estes días. Por algo é que o PP e o PSOE non quixeron depurar o censo e impoñer unhas eleccións con voto en urna na diáspora. E por algo Ricardo Varela pretextou que quen se queixaba do sistema de voto emigrante era porque non pillaba cacho. Teremos este debate outra vez o ano que ven? Voltará a ser Pontevedra a Florida do PP? |
|
|
|
|
| Reflexións sobre o voto emigrante: a cidadanía |
|
 As actuais democracias liberais aséntanse sobre os alicerces sentados polo liberalismo clásico. E unha destas bases é o concepto de cidadanía: un cidadán é un suxeito político titular duns dereitos e duns deberes. Convén lembrar isto e telo presente para falarmos do tema que nos ocupa: dereitos e deberes. Dereitos que se foron ampliando a medida que o concepto mesmo de cidadán avanzou inclusivamente, desde as formulacións atenienses até os nosos días, entre eles o dereito a decidir sobre a res publica (voto) e deberes que se tenden a esquecer pero que son inherentes tamén á propia idea de cidadanía, como a cara e a cruz dunha mesma moeda ou a luz e a sombra. Non se pode entender os primeiros sen os segundos.
E todo este ladrillo condensado de teoría política mal resumida serve para introducirmos outra dimensión sobre o voto emigrante: un dereito desligado das obrigas da condición cidadá, extendido abusivamente desligándoo das obrigas que os cidadáns teñen tamén para coa res publica. E todo isto, ademais, a mala fe para primar á entente cordiale do pucheirazo na barra libre do voto emigrante, manipulado, falseado e mercado para subvertir os resultados electorais que arroxan os cidadáns que cumpren cos seus dereitos e obrigas coa república.
Cales son as obrigas coa república dun cidadán? Sostela, na súa alícuota parte, coa súa contribución (económica ou doutro tipo), facer parte dos censos, sometemento á legalidade,… Os dereitos, políticos, sociais, fundamentais, etc son polo común máis coñecidos, polo que considero ocioso parar neles. Mais cómpre insistirmos en que dereitos e deberes son a cara e a cruz da moeda da cidadanía. Evidentemente, esta teoría racha co voto emigrante. Vexamos.
Os electores (e elixíbeis) da emigración non figuran en censo algún (agás no fraudulento CERA, censo de residentes ausentes, onde igualmente figuran defuntos que sobardarían os cen anos, caso do que xa falaremos). Ademais, non sosteñen á república sobre a que deciden, e malamente poderán cumprir co ordenamento do Estado cando están en territorio da soberanía doutro Estado. A maiores, ao non contar con coñecemento directo (sobre o terreo) da realidade da república sobre a que deciden, o seu voto estará mediatizado nunha proporción maior que a dos residentes presentes (cando non, directamente, sometido ao mercadeo que o bipartito do pucheirazo, o PPSOE, se encargou de manter trinta e tantos anos). Digamos, pois, que falan de oídas e deciden sobre ese criterio tan pouco sólido, cando o resto alomenos podemos ter a percepción empírica da realidade cotía.
O sufraxio da emigración, coa actual configuración, racha, como vemos, o concepto de cidadanía, alicerce da democracia. Iso, porén, non lles impide aos membros da entente cordiale do pucheirazo, expedir carnés de demócrata. Cando eles lanzan torpedos á liña de flotación da democracia. Xa seguiremos a falar do tema! |
|
|
|
|
|
| [1-10] [11-17] |
|
|