|
|
| Saturante fin de semana |
|
Non vou falar da resultante do Congreso do PP, xa hai abondo quen fale, incluso con paixón. Ademáis, eu padezo saturación crónica de noticias procedentes dos populares.es desde esta pasada fin de semana. Agora estou a tratamento para desintoxicarme de tanta actividade pepera. E iso que foi unha exposición evitada, utilicei incluso protector anti-Congreso PP pero nada, a radiación alcanzoume.
Foi inevitábel, era unha loita contra-natura, non había outra cousa na temática dos medios. Non había escapatoria, se acudías a algún telediario, a algún informativo ou a algún xornal, alí estaba o saturante Congreso en conexión directa, a seis ou oito páxinas ou a máis de quince minutos de radio. Así que cheguéi a luns coa esperanza de que todo tivera rematado pero ilusa de min, esquecía os flecos, o post-Congreso que dará a oportunidade para que corran ríos de tinta. Os momentos inacabados darán lugar ao morbo para espabilar as linguas dos “cabreados”, dos versos fóra do poema, dos “críticos” excluidos. Así que serán cansinos até a náusea.
Pero por se fora pouco co monotema, o domingo pola tarde comezou a rodar o outro supertema. O fútbol e o partido da selección española. Respecto ao máximo para todos aqueles que adorades o fútbol, eu non, moito menos o mundo que habita en torno a este fenómeno de masas. Pero onte á noite sofrín sen querelo a contaminación acústica proveniente dos pisos de arriba, de abaixo, do lado, de enfrente, da rúa.
Así que tampouco puiden fuxir da outra estrela mediática da fin de semana. Ademáis, agora escoitas os berros por duplicado porque os que ven o partido pola TDT miran as xogadas cuns segundos de retraso sobre os que o miran na pantalla televisiva de toda a vida.
Un “weekend” para borrar do panorama mediático. Nada mellor que o Congreso popular e o fútbol para esquecer as penas económicas ou o reaccionarismo da UE cada vez máis de ultra-dereita. Menos mal que hoxe xa saiu Zapatero en confesión dos pecados económicos e espero que iso si que dea que falar porque recoñeceu que se agarda un medre económico “débil”, por debaixo do 2%. Terá esta revelación divina do Goberno central o eco axeitado nos medios de comunicación?
|
|
|
|
|
| O Goberno nunha cola |
|
Onte ás 19.35 horas, metida nun coche agardando unha cola de máis dunha hora para repostar gasolina. Parecía que viña o fin do mundo e non puiden evitar rememorar esas trepidantes películas de Hollywood que anuncian catástrofes e que comezan coa xente fuxindo nos seus coches, atrancándose en atascos quilométricos dos que non van poder escapar. Fun recentemente a ver unha desas pelis, si, “A Néboa” baseada nun libro do apocalíptico de Stephen King e dirixida por Frank Darabont. Un bón reflexo dos terrores da sociedade norteamericana metida no microcosmos dunha grande superficie. Veume á mente a cinta cinematográfica polo mesmo inicio: xente correndo a coller o coche para ir aos supermercados a abastecerse de todo tipo de víveres.
Estes días parecen unha proxeción audiovisual de Hollywood: acopio de combustíbeis e acopio de comida. Hai certa psicose colectiva e eu aínda non fun ao supermercado. Así que para cando o faga pode que xa non haxa nada nas estanterías que mercar. Pero admito que estou tranquila. Paréceme exaxerado lanzarse á desesperada a encher o carro da compra, e mira que ao mellor erro na miña conducta. Logo veréi.
Ademáis, deberíamos estar tranquilos todos porque o Goberno reitera unha e outra vez que está a traballar para procurar solucións. Pois non deben ser do agrado de ninguén, nen de pescadores, nen de transportistas, porque polo de agora non teñen moito éxito. Levan unha mala racha e iso que sairan tan emocionados das pasadas Elecións Xerais. Pero velaí todos os problemas que se viñan vir: prezos de escándalo dos combustíbeis, unha inflación que de tanto subir xa lle perdes a pista, unhas hipotecas inasumíbeis, o crak do mercado inmobiliario e da construción, todo iso de golpe. Non será que non se atisbaba no horizonte, porque avisados estaban. Agora non é cuestión de que todo o mundo se cabreou á vez, é un problema que explotou, xa non se podía máis. Así que menos UE, menos excusas comunitarias porque outros Estados cando lles peta pasan dos dictados da UE, e máis medidas efectivas, rápidas e que se vexan para salvar sectores produtivos básicos como a pesca. Recoñezo que estou farta da UE, dese niño de directivos conservadores, de extrema-dereita, adiñeirados, que sempre traballan sobre plano pero nunca sobre a realidade. Por riba, pretenden legalizar, plasmar nun texto legal a semana laboral de 65 horas. Un paso atrás no espiñento camiño dos dereitos laborais. Unha regresión emanada dos cabezas pensantes europeos ao servizo dos poderes económicos. Esa é a verdadeira faciana da UE, iso é para o que vale, para cargarse todo o que atopa por diante. Lamento dicer que teño unha actitude de frontal rexeitamento á Cámara europea que non acostuma a producir en positivo.
|
|
|
|
|
| Crise? Que crise? |
|
Pola pinta que ten todo, pódese dicer sen medo que ao Goberno de Zapatero non lle van moi ben as cousas. Sobre todo as económicas, aínda que non parecen moi atinxidos.
Empezaron a lexislatura con eufemismos. Resulta que non vivimos unha crise económica senón unha desaceleración. Pois nos estamos desacelerando por días ou incluso por horas tal e como vai o custe da vida. Salvando o prezo da compra de pisos que parece que por fin cae, aínda que o euríbor non para de medrar, o demáis é un disparate. Vas ao mercado e últimamente os cálculos orzamentarios sempre saltan polos aires. O que antes chegaba para facer acopio de víveres para a semana, agora resulta que nen para tres días, e por riba, sometes á carteira a uns atracos que ás veces incluso penso que a tarxeta bancaria ten sentimentos e que fica con cara de mágoa cando len a súa banda magnética nos supermercados. Logo vas á gasofa e entoas o “cheo por favor” case en voz baixa, apenas perceptíbel por medo a represalias porque non están os tempos para berrar a grito pelado que vas encher o depósito do coche. Mírante con cara de incredulidade, con ollos interrogantes como se estiveses cometendo unha barbaridade.
Por moito que diga o Ministro de Economía, co seu cargante estribillo de que é “enormemente exaxerado” falar de crise, a realidade diaria non aporta dados optimistas que indiquen un desplome dos prezos en xeral, un aumento do noso poder adquisitivo, un descenso dos dados do paro ou unha repentina enchenta do superávit. Co seu continuo exercicio de negación o Goberno español estase a cubrir de gloria. Mais cando ten a uns cantos sectores bastante molestos con todo o panorama inflacionista, especialmente o derivado do alza dos combustíbeis. Caso do sector pesqueiro que o outro día estivo ás portas do tri-Ministerio (Medio Rural, Medio Ambiente e Medio Mariño) desgañitándose a peder medidas para remediar a grave situación pola que atravesan, onde tamén se repite o compoñente dos caros carburantes. A Ministra do tridimensional Ministerio non está polo labor e o cérbero Solbes afirma taxante que nada de rebaixar os impostos do gasoil. Pois vale. Res de res.
Algo crecidos si que están. Nada parece afectarlles en grao sumo porque xa están instalados, acomodados, ademáis o principal partido da oposición ten abondo coa súa propia crise como para ocuparse da que afecta ao común dos mortais. Total, non é que este Goberno estea noqueado e paradiño senón que non ven a necesidade de molestarse moito polo de agora. Teño a sensación de que pensan que se poden permitir todo isto porque non pasa nada.
|
|
|
|
|
| O posfascismo de Berlusconi |
|
Que Berlusconi é un alma do posfascismo italiano non é algo moi discutíbel. Un fascismo revivido nese conglomerado de organización denominada “Popolo della Libertá” (PDL) onde se encontran, conviven e retozan os de Forza Italia e Alianza Nacional, fundidos nese chocolate con sabor amargo porque caducou hai moito tempo. Saben mal, moi mal polo regusto a reaccionarismo que sempre deixan.
Esta semana voltan a deixar unha mostra do que son capaces de facer para alentar a xenofobia e o racismo, adornado todo con certo oportunismo para distraer a atención do apestoso tema do lixo en Nápoles. Aproban un conxunto de medidas que endurecen seriamente a persecución do inmigrante. Até tal ponto que pasan a tipificar a inmigración irregular ou ilegal como delito penado até con catro anos de cárcere, cando o habitual é que estea tipificado como infración administrativa, caso do Estado español. Así que o descoñecido inmigrante que parte fatalmente, chega malamente e está penosamente, convértese en Italia en delincuente só por arribar ao pais mediterráneo. Sona a outros tempos de persecución. O pior é o caldo de cultivo que todo iso está a provocar, augas turbulentas e lamas perigosas.
Claro que a sabia, elitista e intelectual UE algo mascullou pero en tón tibio. Moito non vai falar porque o sendeiro que segue a Unión Europea nesta materia tamén é o camiño da restricción, medidas policiais e xudiciais. Véxase o acordo acadado entre todos os paises membros para a práctica de políticas de expulsión. Sei ben que a política sobre inmigración debe afrontarse desde unha posición comunitaria común, que é un problema complexo pero non comparto que a única saída sexa a restrictiva e policial. As medidas de cooperación, de apoio socio-económico aos paises de orixen da inmigración, e desde logo, a esencia humanitaria non deberían ficar á marxe ou nun plano secundario. Pero agora hai presa por parar os fluxos migratorios.
Hai unha tremenda deshumanización no tratamento aos inmigrantes. Cando algo molesta ao rico, simplesmente o aparta para que non o vexa. Problemas claro que existen pero dubido que a adormidera da represión sexa a solución. Iso si, é moito máis sinxelo.
|
|
|
|
|
| O PP en terapia |
|
Confeso que o PP me ten sorprendida. Este continuo declarar público de ilustres e clásico-tradicionais dirixentes peperos ténme confundida. Non é propio desta formación política tan afeita ás ordes en vertical, tan disciplinada sempre e tan modosita, tan aferrada ao confesionario coa cortina corrida. Dáme que pensar tanta verborrea incontrolada.
A Rajoy médranlle os ananos por todas partes e non hai día que non almorcemos cun cotilleo máis deste culebrón á española. Mira que se as caras coñecidas do PP lle colleron o gosto a un estilo de ser máis propio de formacións políticas máis abertas, menos escuras e plurais en esencia. Mira que se agora, coñecida a nova terapia, non atopan o freo e se aveciña o perigo da desaparición da esencia xenuina do PP para dar paso a ese “batiburrillo” que tanto criticaron nos demáis. Será o fin da dereita clásica tan acostumada a resolver os problemas das “familias” nas cavernas ocultas de cenáculos imposíbeis? Rematou o silenzo de confesionario e están a viver o seu particular e tardío maio do 68 en pleno século XXI?
A cousa dá para a ironía máis fina porque chama a atención ver o que foron e ver no que se converteron. Presumían con orgullo de partido político homoxéneo, de saber lavar os trapos suxos na casa e de non espallar por aí adiante a porquería. Pois agora non paran, parecen radio macuto, todo o día radiando noticias do corazón dunha dereita mal avida e maltreita.
Aínda non choveu tanto desde os tempos en que destacados dirixentes populares se mofaban das trifulcas e das polémicas internas de organizacións políticas da esquerda ás que tildaban de “batiburrillo” ou de “lío”. De todos é coñecido que o espectro ideolóxico da esquerda é mais dado ao debate, máis franco, máis aberto a amosar as diferenzas, a falar con liberdade sen pensar continuamente no patrón que manda. Pero populares.es se contaxiou da trama cinematográfica da “Vida de Brian”. Agora resulta chamativo velos nesta situación. Parece a casa de tócame Roque, viven na máis pura anarquía, sen timón, sen guía, sen Jose Mari. Abandoados á súa sorte e envoltos en loitas intestinas que non parecen ter tregua. Veremos que resolven no congreso de xuño porque iso de que Mariano Rajoy que tivo cargo e presenza activa nos Gobernos de Aznar, un home colocado a dedo por Jose Mari, un dirixente popular dos de vello, que agora se erixe en líder do novo movemento, é cando menos un prato de difícil dixestión.
|
|
|
|
|
| A laicidade que nunca chega |
|
Como en todo inicio de curso, o Goberno expresa os seus bós propósitos para a lexislatura. Así que xa comezaron a pasar Ministros e Ministras polo Congreso para publicitar a listaxe de tarefas.
Unha das primeiras en estrearse foi a Vicepresidenta Primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, que acudiu á Comisión Constitucional da Cámara Baixa a desvelar as liñas de actuación gubernamental.
Nada revolucionario nen nada que vaia a transformar a estrutura existente. A xa anunciada creación dunha Subcomisión no Congreso para estudar a reforma da Lei Eleitoral, anuncio que fixera Zapatero na sesión de investidura. Dicer que a estas alturas da película creo que todos sabemos xa o que significa iso dunha Subcomisión que vai estudar algo. Catro anos de reunións e de comparecencias para no mellor dos casos, cando chegue o ocaso da lexislatura, erguer unhas conclusións que ou se cumprirán ou non. A ver se “estudan” como é debido a necesaria e clamorosa modificación do sistema de voto dos residentes ausentes. Iso si que sería un notición. Mentras tanto, un pouco de relaxación porque a cousa vai para longo.
Despois a Vicepresidenta voltou co rollo da laicidade do Estado. Permitídeme que o tilde de rollo porque hai cousas que te fan esbozar un sorriso cando as escoitas. É como a náusea permanente cando vas nun barco, vai e volve, vai e volve. Pois toca volta, volven os grandes éxitos nun recopilatorio cuxa canción estrela é a do Estado laico. Estou por chamar ao chikilikuatre ese para que faga unha versión sobre a sempre eterna boa intención do PSOE de avanzar cara un Estado laico mentras mantén a asignatura de relixión no ensino ou continúa privilexiando descaradamente á Igrexa católica. Agora din que van reformar a Lei de Liberdade Relixiosa por un doble motivo: progresar na laicidade e rematar coas discriminacións con outras confesións relixiosas. Pero nen palabriña de tocar ou revisar os Acordos Estado-Santa Sede que datan do ano 1979. E iso que en campaña falaron de que a Igrexa católica debería autofinanciarse. Paréceme que os que nos autofinanciamos somos os cidadáns que cada vez vivimos máis asfixiados.
Pura axitación para pór en pé á dereita e os sectores conservadores. Haberá encendidas declaracións a pesar de que o Goberno o único que fará serán pequenas reformiñas que en nada afectarán á estrutura, que pouco aportarán á agardada laicidade do Estado español que segue a ser encubertamente católico. Auguro que a pouco se van atrever.
|
|
|
|
|
| Semi-novo Goberno |
|
Algo haberá que dicer do novo Goberno de Zapatero. Todo o mundo fala do mesmo, algúns incluso con certo tón de burla machista que non o pretende ser pero que ao final se lle ve o plumeiro.
Non séi, primeiro coido que habería que matizar o de novo Executivo e denominalo semi-novo porque se non me fallan as contas, só hai 5 caras novas nun gabinete conformado por un total de 17 Ministerios. Esa é toda a renovación producida. Moito ruido e poucas noces aínda que non se pode negar o toque efectista, o golpe mediático a pesar de tanto careto vello.
O feito de que haxa máis mulleres que homes na nova equipa ministerial e o feito de que unha muller asuma a carteira de Defensa é suficiente para que corran ríos de tinta. É o que máis titulares se leva. Evidencia da pouca normalidade existente, síntoma de que o da igualdade é un canto de sireas cando se anda a voltas coa balanza veña a pesar mulleres e homes.
Despois se leva a palma a saída do fidel escudeiro, a ausencia de Caldera no Executivo de estrea. Disque ten encomendadas tarefas máis elevadas, traballos máis cercanos ao espíritu e ao intelecto. Dirixir unha fundación do socialismo zapateril que ten moito que producir no terreo das ideas. Eu que pensaba que isto do zapaterismo era de pouco percorrido, unhas poucas ideas progres ven aderezadas e ven propagadas rehogadas nun único ingrediente denominado España. Pois mira, aínda vou ter que pasmar mirando para a factoría de produción propia do PSOE. Haberá que agardar a ver que sorpresas nos reserva Caldera e a fundación de Zapatero porque ao mellor nos transmiten ideas non descubertas.
Outro dos comentos que non pasaron desapercibidos, máis nunha orde máis lonxana, é o “return” de Magdalena Álvarez como Ministra de Fomento. Todos os gurús auguraban con certeza que a andaluza marcharía para casa, que despois de todo o sucedido co AVE a Barcelona, as cercanías catalanas e demáis, Álvarez tíñao claro. Pois mira por onde, para que molestarse en cambiar nada cando o cacareado desastre das infraestruturas de Catalunya non lle reportou ao PSOE disgustos eleitorais cataláns?. Ao revés, alí medraron ben a gosto. Así que Magdalena volve, e pode que con máis forza.
De todos os xeitos, teño que dicer que as miñas preocupacións van por outro lado. Non me acaban de gostar certos cambios na estrutura do Goberno. O de meter no mesmo saco o agro, a pesca e o medio ambiente, todo encarnado na personalidade da agora superministra, Elena Espinosa, non me convence, non me parece de fiar. Cáusame moita inquedanza. Que se pretende con semellante megaministerio? Converter todo en medio ambiente en detrimento da xa alicaída saúde do agro e da pesca? Alguén pensa que en semellante potaxe se poden revitalizar, priorizar e impulsar sectores produtivos básicos para a economía de Galiza? Non sei, creo que a cousa vai por outros derroteiros. Prodúceme certa confusión, porque se Zapatero está tan empeñado en loitar contra o cambio climático como dixo o sábado, por que non deixa un Ministerio de Medio Ambiente en exclusividade? A que ven esa mistura co agro e coa pesca? Será que pensa que todo é o mesmo? Algún sentido ten que haber. Haberá que agardar á súa andaina.
|
|
|
|
|
| A viraxe do PSOE |
|
Atisbo unha brusca viraxe do PSOE de cara a lexislatura que se inicia xa. É suficiente con observar o que está a acontecer nestas semáns desde que remataron as Elecións do 9 de marzo, sobre todo, desde que comezou o proceso negociador para constituir as Cortes, e agora, o diálogo emprendido para a investidura de ZP. Toda a dinámica política xenerada ó rebufo dos acontecementos políticos diversos: votación de Bono como Presidente da Cámara Baixa e os contactos coas diversas forzas políticas para afrontar a investidura de Zapatero, dan fé de que o PSOE está a viaxar cara a fronteira da dereita. Nada de pactos ou acordos antes da investidura, insisten os dirixentes socialistas, que afirman con arrogancia preferir que as votacións saian para adiante en segundas voltas. Así pasou con Bono e agora así pregonan para a investidura de Zapatero.
Abandonan o talante famoso dos pasados catro anos para practicar un pretendido e pretencioso tón endurecido que pregona a autonomía de acción. Veremos, diría algún sabio popular. Agora están instalados no “non pasa nada”. A nova consigna é a de ir de independentes, sobre todo, moito PSOE. Están centrados na persecución dunha imaxe de PSOE soíño, libre como o vento e sen ataduras de ningunha caste. Aí está o camiño a explotar.
Non hai que ser Einstein para deducir que se trata dunha nova estratexia consistente en choscarlle o ollo ao eleitorado situado no espectro da dereita. Chámase llanamente competir co PP no reparto da aburrida e empalagosa tarda da “moderación”. O descanso do burgués. De mozos paixonais, pero xa de maiores “moderados”. Así que toca pensamento único e nada de complicacións parecen dicer.
Aínda que deberían interiorizar que non o teñen fácil. Non é necesario lembrarlles que están en minoría e que nen siquera rozaron a maioría absoluta a pesar das enerxías primeiras da noite eleitoral do 9 de Marzo na que se foron desinflando según pasaban as horas. Virán as horas baixas, virá a crise económica en xestación, e sobre todo, virán os proxectos de lei ao Congreso e ó Senado e moito nos tememos que non será o PP quen lles apoie cando o precisen. Terán que buscar consensos, terán que chamar ó BNG, ó PNV ou a CIU, poñamos por caso. Así que no horizonte queda un longo camiño por percorrer, o disposto para 4 anos onde a arrogancia terá que ceder paso ó diálogo, á negociación, ós acordos por moi mal que lles sente.
|
|
|
|
|
| Partillar o Grupo Mixto |
|
Canto máis miro o Grupo Mixto que saiu das urnas o pasado 9 de Marzo, máis inabordábel me parece. É unha mistura, un potaxe de difícil dixestión. Sete forzas políticas, 11 parlamentares para repartirse os turnos de intervención nos plenos, distribuirse as Comisións ou o orzamento para tal grupo. De pensalo produce incluso preguiza.
Xa saberedes que IU-ICV, ERC, BNG, CC, Na-Bai e UPyD foron a parar, de momento, a tal invento de grupo. Con semellante dimensión e estrutura, comparto a ideia de todos eles de que é complicado traballar e se organizar. Hai que lle meter mán a ese monstruo e a cousa pasa por trocealo, dividilo, partillalo en función das posibilidades e dos acordos que os diferentes partidos políticos poidan acadar.
Sinceramente non é a hora de se pór puntilloso e quisquilloso cun Regulamento da Cámara que noutras tantas veces se pasou por alto. Hai precedentes na historia da Cámara de como se fai a vista gorda cando interesa. As “sacrosantas” normas dín que hai que obter a porcentaxe do 5% a nivel estatal ou o 15% do voto nas circunscripcións nas que te presentas, ou contar con 5 deputados ó mesmo tempo que cumprir cunha das porcentaxes mencionadas. Casos variopintos con excepcións á regla existen, por moito que algún agora se poña purista.
Sen ir máis lonxe, na pasada lexislatura IU e ICV formaron grupo parlamentar cando tiñan o 4,96% da porcentaxe de voto a nivel estatal. ERC formou grupo a pesar de que non chegaba á porcentaxe do 15% nas circunscripcións do Pais Valenciá onde se presentou. Coalición Canaria é un exemplo de cómo lexislatura tras lexislatura e mediante préstamos de deputados doutras formacións políticas se pode un constituir en grupo parlamentar ao xuntar a 5 deputados. No 2004 a formación canaria, con tres deputados, contou coa cesión de dous deputados do PSOE por Toledo para conformar grupo. No ano 2000 fixo o mesmo co préstamo de tres deputados de UPN.
Mediodía. Miro cara o monitor que teño diante e aparece o sinal da rolda de prensa do Secretario de Organización do PSOE, José Blanco, que comparece no Congreso despois de rematar con dous días de encontros con todas as forzas políticas para ver de Constituir as Cámaras, e máis adiante recabar apoios para a investidura de Zapatero. Blanco sae inmaculado a brandir o ditoso Regulamento da Cámara. Cumprir coas normas, sentencia na súa resposta a unha xornalista inquieta por ver se o PSOE apoiará a división do Grupo Mixto e a formación de grupos parlamentares distintos. Disposición e sensibilidade toda a do mundo, dí o dirixente socialista mentras se agarra ó Regulamento do Congreso. Non podo evitar un sorriso ante tanta demostración de pulcritude regulamentaria cando existe un pasado plagado de prácticas flexíbeis da norma.
|
|
|
|
|
| Os comentos do post-Elecións |
|
Habitualmente son máis interesantes as post-campañas que as campañas. Seguro que todos os que tedes interese pola política estades desde o domingo á noite mirando vila por vila os resultados por partidos políticos, cotilleando e sacando sesudas conclusións. Hai moito sobre o que falar e analisar a pesar das simplistas e grandilocuents conclusións dalgúns tertulianos onte pola mañá. Escoitei a algúns reiterar frase tras frase que a cidadanía do Estado quer “partidos nacionais” (estatais) en base á sumatoria de deputados de PSOE e PP que resultan 322 parlamentares. Logo restan uns pouquiños deputados, uns vintetantos, apenas nada. E así a vista aérea conclúen que a cousa esta moi clara: máis PSOE e máis PP, máis bipartidismo, “más partidos nacionales”. Polo menos saben sumar porque con tanto pensamento profundo podes quedar sen raciocinio suficiente para facer contas. A mín este tipo de análise reducionista, profundamente españolista me espanta, sobre todo vindo de persoas que presumen de pasarse o día lendo prensa escrita, comendo e ceando con fulanito e metida decote en Internet para estar á última. De entrada amosa pouco respecto polo que decidimos nas urnas “los periféricos”, os de fóra de Madrid. E segundo, pretenden sentar cátedra porque falan desde medios de comunicacións poderosos.
A campaña foi de agárrate. Saír airoso dunha campaña agresivamente bipartidista, manifestamente americana até tal ponto que xa non sabiamos se estabamos no round Zapatero/Rajoy versus Obama/Clinton ou se trataba das Elecións Xerais 2008 no Estado español. Ser nacionalista e sobrevivir en semellante panorama vampírico é para que te erixan un monumento. Non me digades que non. A ver quen é o guapo que conserva o tipo con tanto pre-debate Zapatero/Rajoy, logo o debate en si mesmo, e despois o post-debate. A mediática foi cousa de dous, por iso é loábel chegar até aquí conservando o tipo. Caso do BNG. Non só revalida os dous escanos anteriores senón que por riba sobe en votos e en porcentaxe. O Bloque Nacionalista Galego aguantou contra vento e marea. Foi prácticamente a única formación nacionalista que incrementou a súa base eleitoral, o seu número de votantes, a excepción de Nafarroa Bai que tamén acadou un maior número de votos. Iso ten un valor que debe ser realzado, que debe ser salientado e subliñado por moito que se teña a vista anubrada co tándem bipartidista. Pero aí algúns fan mutis polo foro, nen palabriña, e prefiren cebarse nas desgrazas eleitorais de formacións políticas nada afortunadas neste proceso eleitoral. Agradecería de análises mellor traballadas.
|
|
|
|
|
|
| [1-10] [11-20] [21-30] [31-40] [41-50] [51-60] [61-66] |
|
|