Bieito Lobeira
Autodeterminación nacional
Este texto, escrito en Xaneiro de 1897 por James Connolly, patriota irlandés fusilado en 1916 polas tropas británicas, cobra inusitada actualidade á luz do proceso que se está a dar na Unión Europea, e na que por certo o pobo irlandés tivo, felizmente, especial incidencia. É posíbel exercer o efectivo dereito de autodeterminación nun contexto marcado polas regras de xogo do imperialismo, neste caso no marco dunha UE, concebida como o que hoxe é? É real o conceito de soberanía política, mesmo para estados constituidos, cando boa parte das decisións (estímase nun 70%) se adoptan en Bruxelas, sen control democrático merecente de tal nome?
Connolly tíñao ben claro para Irlanda. Obviamente sendo importante, non sería suficiente para as aspiracións históricas dese movemento político un estado irlandés sometido económicamente pola metrópole. A estrutura política, o estado, as institucións propias, son instrumentos indispensábeis para o futuro de calquera pobo. Mais cando as decisións chave en materia económico-financeira, as que lle afectan directamente á sociedade, están en mans alleas, non se pode falar en rigor de soberanía real. A iso nos enfrontamos. E moito máis grave no caso da Galiza, cunha raquítica autonomía controlada férreamente dende Madrid e baixo os ditados imperiais da UE e dos Estados Unidos. O capitalismo é incompatíbel coa liberdade e a soberanía dos pobos.
Teño escoitado con atención as teses europeistas que, baixo coordenadas aparentemente nacionalistas, defenden o futuro da Galiza no marco da UE. Cren que ese é o mellor dos modelos aos que se pode aspirar, garante, segundo indican, da democracia e da xustiza.
E eu, honestamente, non podo entender como unha nación como a nosa, que tanto ten sofrido desde a integración do Estado español no Mercado Común, mesmo antes da data formal de ingreso, 1986, pode ter na Europa comunitaria o modelo económico e social e de desenvolvemento. A chave está na soberanía, e non concebida de xeito simbólico, aparencial ou meramente declarativo, senón efectiva: control real polo pobo galego dos seus recursos, da súa economía, e do proceso de toma de decisión política. Esa é a cuestión. O resto, foguetería.
A Imposición da Lingua Galega
Esta non é transcrición dun texto redixido hai sesenta anos, en pleno apoxeo do réxime franquista. Non: forma parte da denuncia, formalizada en Febreiro de 2008 pola empresa Radio Popular, S.A. (“Cadena COPE”), perante o Consello Xeral do Poder Xudicial, contra a Maxistrada titular do Xulgado do Social nº 2 de Compostela, Ana López-Suevos Fraguela, por cometer o “delito” de utilizar a lingua galega na propia Terra, neste caso na administración de xustiza.
Non son unicamente prexuízos os que operan á hora de motivar á Cadena COPE –emisora radiofónica vinculada á Conferencia Episcopal Española- a atacar o idioma propio de Galiza. É unha auténtica persecución lingüística sustentada  nunha actitude claramente xenófoba, antigalega. Pretende eliminar, literalmente, ás poucas persoas que na administración de xustiza respectan e defenden o idioma galego e os dereitos lingüísticos do pobo galego. Pretende impoñer o español, a toda costa e por calquera método, malia ser a lingua galega a única propia do noso país, e ademais de uso maioritario na poboación.
Resulta esperpéntico que, aínda a día de hoxe, se den casos de persoas, na súa propia nación, que pretendendo exercer o dereito inalienábel a seren atendidos no seu propio idioma na súa administración, se encontren con manifestacións de discriminación lingüística absolutamente aberrantes e intolerábeis do ponto de vista democrático. Aí temos os casos recentes de Paulo Carril ou Eduardo Álvarez nos xulgados d’A Coruña. E cando unha xuíza pretende democratizar este estado de cousas, facendo normal o que neste momento é anómalo, isto é, a incorporación do galego no ámbito xudicial, sofre toda a contundencia dunha resposta que mostra a auténtica faciana desa liña ideolóxica que ten a súa expresión política no PP (e non só), belixerante contra a lingua e cultura do noso país e negadora dos dereitos democráticos (humanos) máis elementais.
E aínda hai quen defende que o galego é un idioma “imposto” na Galiza… Moito hai que avanzar, moitos espazos hai que conquistar. O próximo 18 de Maio A Mesa pola Normalización Lingüística ten convocada unha manifestación “polo dereito a vivirmos en galego”. Temos que converter esta mobilización, e a súa campaña previa, nunha demostración de forza da existencia e da vitalidade da lingua galega. E da reivindicación dos seus dereitos como idioma nacional. Somos unha nación e temos unha lingua.
PARDO DE CELA
Tráxico final, que ten a súa explicación máis imediata na Real Cédula asinada en Toledo polos Reis Católicos o 3 de Agosto de 1480, pola que envía a Galiza a Fernando de Acuña como Xusticieiro Maior, o licenciado Garci López de Chinchilla como Alcalde Maior, e Luis de Mudarra como capitán dun continxente militar castelán de varios centos de xinetes e dun número indeterminado de guerreiros de infantaría a pé. O obxectivo político-militar, eliminar por calquera método calquera  caste de oposición na Galiza ao proxecto imperialista impulsado polos Reis Católicos, que daría pé ao nascimento do Estado español.
Previamente, outra Real Cédula (18 de Febreiro de 1478) instaura a “Santa Hermandad” na Galiza como auténtica policía política ao servizo de Castela. Dirixe este corpo Antonio de Paz e o licenciado Fernando Gómez de Tordehumos. O descontento social xerado pola violencia, a crueldade e os castigos infrinxidos pola Santa Hermandad está documentado. Entre outras razóns,  pola implantación de duros impostos (18.000 maravedís por cada cen veciños) para manter economicamente o propio corpo represivo. O historiador aragonés Zurita descrebe o despregue da Santa Hermandad na Galiza “contra la voluntad de todo aquel reyno, estando todos en resistencia”. E non oculta o obxectivo final: “pregonar desde el Miño hasta la mar hacer al Rey y a la Reina Señores de aquel Reyno”.
A resposta galega a este proceso nasce, nunha primeira fase, cun acordo político entre a nobreza galega, de apoio mútuo en caso de agresión, mais que lamentabelmente -para o futuro da Galiza- non perdurou. Na segunda fase, co enfrontamento armado directo, liderado no sul por Pero Álvarez de Soutomaior (con conexións con Portugal), e no norte co mariscal Pardo de Cela.
Pardo de Cela resistiu un cerco de entre dous a tres anos (depende das fontes) no inexpugnábel castelo da Frouseira. En calquera caso, o asedio foi longo e cruento, con numerosos mortos, tanto polo bando galego como polo castelán. A imposibilidade de conquista da Frouseira levou  ao mando castelán a empregar o método da traizón, perfeitamente documentada, e que efectivamente levou ao mariscal a ser finalmente preso polo inimigo.
Morto Pardo de Cela, o combate continuou, neste caso co protagonismo dunha muller: Constanza de Castro, filla do mariscal. Ela é quen de dirixir un grupo de guerreiros galegos leais e de manter as hostilidades contra as tropas castelás. Despois dun tempo é finalmente cercada no castelo de Vilaxoán (a famosa Torre da Cal da Loba, ainda en pé, no concello de Cospeito, na Terra Chá). Resiste durante once meses o cerco militar, e non se rende. Morre, probabelmente envelenada pola auga podre do alxibe, mais non se rende. Quen si pacta a súa capitulación após a morte de Constanza é o seu home, Fernán Ares de Saavedra, que salva a súa vida comprometéndose a servir aos Reis Católicos na guerra de Granada.
En 1487, xa “pacificado” o Reino de Galiza, visitaban o noso país os Reis Católicos. Había 110 anos que un monarca castelán non pisaba terra galega. E ficaba xa definitivamente aberto o camiño que posteriormente se definiría, sen eufemismos, “Doma y Castración del Reino de Galicia”. As consecuencias prácticas ficaban ben á vista: 150 castelos, torres e fortalezas derrubadas, imposición do sistema castelán de pesos e medidas, proibición de reunións numerosas (mesmo en vodas e bautizos), estado represivo controlado pola Santa Hermandad, substitución lingüística, bula papal a bispos de Ávila, Segovia, Córdoba e León con dereitos sobre os mosteiros galegos; expulsión e/ou eliminación dunha parte importante das clases dirixentes, nobiliarias e eclesiásticas. En definitiva, fin da existencia do Reino de Galiza como espazo con dimensión e dialéctica política de seu, ficando dominado militarmente e inserido politicamente baixo dependencia de Castela/España.
Este proceso histórico, chave para interpretar o desenvolvemento posterior, foi conveniente e intencionadamente ocultado polos vencedores. Os galegos non podíamos ser conscientes do noso propio pasado, e moito menos dos seus episodios heroicos. E roubáronnos a historia. Obviamente, recoñecer que o proceso de construción do Estado (“moderno”) español se fundamentou na violencia, na represión, na asimilación e na negación de Galiza, bota abaixo boa parte dos tópicos existentes sobre España e, sobretodo, no que ten a ver coa suposta “resignación natural” de galegas e galegos. Aquí o que houbo foi imposición durante 500 anos, non “convivencia harmónica”. E ainda así Galiza, o seu idioma, os seus sinais de identidade cultural, a súa singularidade, continúan a estar vivos e a seren reivindicados cinco séculos despois. Iso é o sorprendente.
A data do 17 de Decembro estivo a piques de ser institucionalizada polo nacionalismo galego como Día da Patria Galega, en homenaxe a esa Galiza rebelde que non se rendeu á dominación castelá. En lembranza tamén de Constanza de Castro e desa Frouseira que nunca puideron conquistar as tropas castelás, convertida desde aquela en símbolo de resistencia e liberdade para o pobo galego. Tomemos boa nota e actuemos en consecuencia.
O BNG E O “PLANO DE ACUICULTURA”. ACLARACIÓNS NECESARIAS
Vexamos. Lembraremos que o goberno agónico do PP –xa en funcións- aprobou en Consello da Xunta (30 de Xuño de 2005, coas eleccións xa perdidas) o alcumado “Plano Sectorial de Parques de Tecnoloxía Alimentaria”, proxecto aberrante elaborado e aprobado en función dos intereses económicos dun grupo empresarial –que gozou, por certo, dun hiperbólico volume de subvencións públicas para os seus negocios en todo o planeta durante os últimos quince anos-, e que tiña en Cabo Touriñán a mellor mostra do que non se pode permitir no noso litoral.
Xa co novo Goberno de Galiza, o BNG fixo todo o posíbel para anular este enxendro, acadando cando menos o acordo de proceder á súa revisión, salvando Touriñán e eliminando outros espazos que invadían a tan raquítica como cacarexada Rede Natura 2000. A partires dese momento, abríase outro proceso para a elaboración do actual Plano. Contodo, é importante sinalar aspectos que son absolutamente relevantes á hora de analisar e interpretar a evolución dos feitos, as previsións de remate do proceso, e o papel –o real, non o inventado- do BNG nese contexto.
En primeiro lugar: Non é menor a evidencia de que os departamentos administrativos directamente implicados na elaboración e desenvolvemento do Plano son responsabilidade dunha forza política –o PSOE- que historicamente mantivo posicións antagónicas co BNG, en concreto en materia de política pesqueira, marisqueira e acuícola. Consellaría de Pesca (protagonista na elaboración do Plano), Dirección Xeral de Urbanismo, Consellaría de Medio Ambiente, mais tamén a Dirección Xeral de Costas, do Ministerio de Medio Ambiente (non podemos esquecer que a titularidade do Dominio Público Marítimo-Terrestre, lamentabelmente, segue residenciada en Madrid), son departamentos dirixidos polo PSOE. Pode gostar ou non, mais é unha realidade. E cando falamos de decisións políticas o pior é refuxiarnos na fantasía.
En segundo lugar: O BNG non nasceu con vocación de axente comercial de ningún grupo empresarial. Nin tampouco cun modelo industrial terceiromundista, no que calquera empresa se instala onde e como queira. A súa razón de ser é a de pór en valor toda a potencialidade da nación e dos seus recursos naturais –obviamente baixo criterios sustentábeis- ao servizo dos intereses do pobo galego. E é evidente que o noso litoral ten unhas características naturais extraordinarias para construír un modelo de desenvolvemento baseado na pesca, no marisqueo e na acuicultura. A acuicultura non é só a produción de peixes planos en piscifactorías. No caso galego é fundamentalmente a produción de mexillón en bateas (3ª potencia mundial en produción, 15.000 postos de traballo directos, riqueza inducida inserida en boa parte do tecido económico galego), aínda sendo conscientes de que as 3.500 bateas fondeadas nas nosas rías provocan un certo impacto ambiental, que asumimos, mais que convén minimizar. Porén, sería de inxenuos non aproveitar a nosa inmensa potencialidade natural na cría e engorde de peixes –planos ou non- e noutras especies, comezando polo polbo e outros mariscos. Daquela, o BNG non considera por definición á acuicultura (toda ela) incompatíbel con outras actividades produtivas ou co equilibrio medioambiental da nosa costa. Iso si, non de xeito anárquico, senón con planificación, ordenación e cunha regulación que harmonice os diversos intereses (produtivos, ambientais, sociais) en xogo.
Finalmente: En coerencia cos principios antes expostos, e á vista da oposición social –mesmo institucional- que xeraron algúns dos proxectos previstos, o BNG trasladoulle formalmente á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, xa hai meses, a necesidade de negociar contidos e emprazamentos do Plano de Acuicultura, atendendo aos seguintes criterios fundamentais:
a) Garantías de depuración plena, integral, das augas procedentes destas instalacións.
b) Exixencia de xeración de emprego digno e estábel (é posíbel facelo nas cláusulas de concesión) que recaia sobre a comunidade na que se asenta.
c) Minimización do impacto ambiental, tamén paisaxístico. Diferenciar entre reserva de solo e edificabilidade. As instalación non teñen porqué estar á beira do mar. E outras (administración, dirección, procesado, armacenado, comercialización, etc.) poden estar mesmo localizadas en parques ou polígonos empresariais debidamente dotados.
d) Hai emprazamentos (caso de Corrubedo) que se deben suprimir. Outros (Merexo), reducir. Noutros casos, afastar terra a dentro.
e) É preciso, con todo, unha planificación nacional de reserva de solo que evite actuacións especuladoras por parte de empresas ou concellos. Mais a proposta actual é manifestamente mellorábel.
f) Impulso á investigación para a cría de novas especies –evitar “monocultivos”- e tamén para a mellora da sustentabilidade desta actividade.
g) Apoiar activamente fórmulas organizativas, comezando polo cooperativismo, que posibiliten o acceso das comunidades mariñeiras a esta actividade e, daquela, aos emprazamentos que se designen.
Estamos precisamente nesta fase. E por certo, advertimos vontade de diálogo. Até onde se pode chegar, non o sei. O que si é evidente é que calquera mellora deste “Plano de Acuicultura” pasa polo proceso de negociación que o BNG está a impulsar diante de departamentos –reitero- baixo responsabilidade do PSOE. Recentemente a Asociación de Produtores de Rodaballo de Galiza (AROGA), que agrupa ás once empresas que se dedican na Galiza a esta actividade, advertían do retraso na tramitación do Plano, e sinalaban ao BNG como responsábel de que non estivera xa aprobado. Que cadaquén tire as súas conclusións. Lexitimamente pódese ou non estar dacordo con estas posicións, oficialmente explicitadas desde hai meses. Mais o que non é honesto é silencialas ou manipulalas de xeito deliberado, e cunha intencionalidade política descarada.
MÁRTIRES GALEGOS
Indo agora ao caso galego. Ademais de decapitación política, expolio económico secular, ou ataque á nosa lingua e cultura, por certo sempre baixo forma e métodos agresivamente coloniais, fixéronnos crer, historicamente, que non eramos nada, que non valíamos para nada, que somos un pobo inútil e que sempre o fomos, e que só poderemos cegar a algo, individualmente, se renunciamos ao propio e nos aderimos ao foráneo.
Neste esquema, moi valioso e funcional para a metrópole española, ten un lugar fundamental a historia. Ou se se prefire, a censura histórica, a súa manipulación e falsificación. Aos galegos e galegas non só nos roubaron a riqueza da base material, produtiva, da nosa Terra. Non. Roubáronnos tamén a historia. A nosa historia. Para que non sexamos nada, nin aspiremos a selo por nós mesmos.
Daí a importancia de pór en valor o que fomos, e o que podemos chegar a ser. Daí a importancia de lembrar e reivindicar aos nosos mártires, para pór en evidencia que o proceso de dominación política de Galiza, ao longo da historia, non contou coa resignación nin coa entrega voluntaria dos galegos. Non houbo capitulación previa: Os galegos estiveron prestos ao combate cando foi preciso. E durante séculos houbo galegos e galegas que morreron, que foron asasinados por defenderen a súa Patria.
A dependencia de Galiza, desde a súa xénese, foi un proceso violento. Castela enviou tropas castelás e mercenarias para submeter Galiza á altura de 1480. E encontráronse con resistencia activa, violentamente reprimida. E xa no século XX abría o franquismo a súa aciaga etapa na Galiza fusilando ou paseando patriotas como Alexandre Bóveda, en 1936. Fechábase en 1975, e ainda nos seus estertores tiña suficiente carraxe antigalega como para asasinar ao militante da UPG Moncho Reboiras.
Galiza tamén ten mártires, porque ten historia. E non, precisamente unha historia de docilidade e de obediencia submisa ao invasor. Tamén temos os nosos herois, como calquer outro pobo. E moito lles debemos. Galegas e galegos de ben nunca poderemos esquecer estes patriotas. Son o noso exemplo.
O DÍA DA PATRIA GALEGA
É esencial, indispensábel, para un proxecto político contracorrente como o representado polo nacionalismo galego, inserido na realidade dunha nación negada e colonizada, priorizar o traballo organizativo, de información, formación e conscienciación da base social que posúe, e que por certo, non é precisamente cativa a día de hoxe. O intenso traballo organizativo desenvolvido con motivo das aleccións municipais, que fixo posíbel achegar a milleiros de persoas o ideario nacionalista, debe ser convenientemente aproveitado.
Por varias vías. Para comezar, incrementando a militancia do BNG a través de tanto “simpatizante-activo” que colaborou na última campaña electoral. Ademais, criando organización do BNG onde ainda non a hai. Candidaturas tan meritorias do BNG, como as encabezadas en Forcarei por Anabel, en Cerdedo por Ana, ou en Camariñas por Luis, e que non obtiveron representación no Concello, débense reconverter en grupos activos do BNG, facendo traballo político na sociedade, fóra da institución municipal. Mozas e mozos como eles son un bon exemplo do ánimo e da coraxe coa que enfrontan a defensa do nacionalismo en contextos máis que adversos. Así que, avante, a botarlle peito. O BNG é a esperanza para este país. Con todos os nosos defectos, mais tamén coa cobiza de autosuperación. Honestamente, fanme rir algunhas críticas sobre o BNG procedentes de sectores (seica “soberanistas”) que precisamente organizaban en Cangas actos públicos desa candidatura en perfeito “bilingüismo harmónico”. Hai que botarlle valor.
E finalmente, na defensa sen complexos da nosa alternativa política. O 25 de Xullo é o Día da Patria Galega. Así o reivindicou o nacionalismo galego historicamente, con independencia dos custos –que  os houbo, e moitos- para facer desta data un día de reclamación do dereito de Galiza a existir como nación libre. Non é o día de rendirlle pleitesía a España na “oferenda do apóstolo”. Alí, nese acto de exaltación do españolismo máis reseso, estarán o PP e o PSOE, coa propia Presidenta do Parlamento, facendo gala da súa submisión. Alá eles. Nós, os nacionalistas, onde sempre estivemos, na Praza da Quintana, proclamando con orgullo a existencia da nación galega, e defendendo o dereito de autodeterminación. Para iso nasceu e para iso traballa cada día o BNG.
EN DEFENSA DA LINGUA GALEGA
Hoxe escoitei a Núñez Feijoo pontificar sobre o novo Decreto do galego no ensino, e animoume a titular este artigo “Os inimigos do galego”. Sería xusto e rigoroso rótulo ás insidias vertidas sobre o noso idioma cando de conquistar lexítimos espazos de uso no ensino se trata. Mais finalmente, optei por destacar o que nos define, como nacionalistas, na conquista de liberdades e dereitos democráticos colectivos. Un deles, e non o menor, o dereito de todos os pobos a posuiren plenamente normalizada a lingua de seu.
A polémica xerada en torno á aprobación desta nova norma legal (reitero: medio e non fin para o BNG, conquista táctica), e o rexeitamento á mesma desde o PP e outros sectores do españolismo de extrema dereita afortunadamente minoritarios na nosa sociedade (mais magnificados por determinados medios de comunicación galegos), está a situar no primeiro plano o debate lingüístico. Iso si, en termos ben desafortunados.
O PP non ten absolutamente ningunha base argumental, obxectiva, que fundamente a ruptura do consenso previamente existente en torno ao texto do Decreto, finalmente aprobado no Consello da Xunta do 28 de Xuño e publicado no Diario Oficial de Galiza o día seguinte. Son exclusivamente razóns de orde ideolóxica e ideolóxico-política as que poden xustificar a nova posición do Partido Popular.
Nin máis nin menos. Con este paso, a sucursal galega do PP, através do seu Presidente Rexional (sic), e co concurso da súa Xunta Directiva Rexional (sic), alíñase definitivamente cos sectores máis ultrarreaccionarios e antigalegos que, dende Madrid, bombardean diariamente as súas proclamas xenófobas con altofalantes mediáticos. O pior non é que sucumba Núñez Feijoo diante deste panorama, ou por razón de “presión ambiental” (“efecto Bernabeu”, como o denominan eles). Non. O grave é –estou convencido- que el mesmo asume plenamente estes principios. Son directrices da Conferencia Episcopal Española, da COPE, de Aznar e subordinados (Rajoy, Zaplana e compañía) que el –presidentiño rexional- aceita e nas que se recoñece con naturalidade. Porque é como eles.
A decapitación da xa cativa e morna autonomía da sección galega do PP é toda unha realidade. É posíbel, contodo, que non teña repercusións internas de relevancia, aínda que é certo, do ponto de vista lingüístico, que había “dous PP’s”: Un, de españolismo exacerbado, que usa o galego só de xeito litúrxico e aparencial. O outro, de extracción social máis popular, que o viña utilizando con máis naturalidade, aínda que sen consecuencias normalizadoras práticas. A anulación do segundo é xa un feito. E a desautorización política do propio Grupo Parlamentar en relación con este asunto tamén.
Mais observemos, á marxe da dialéctica política interna dese segmento do españolismo denominado PP (do outro xa faleremos), o intento burdo de construir unha realidade barbaramente falseada en relación co suposto intento de “impoñer” a nosa lingua na nosa propia nación. Expuña Núñez Feijoo os seguintes argumentos:
•	“Levábamos vintecinco anos facendo política lingüística por consenso en Galicia”(sic). Matizacións necesarias: A Lei de Normalización Lingüística (1983) co BNG fóra do Parlamento, o Decreto 247/95 que regulaba o galego no ensino (1995) aprobado unilateralmente e sen consulta polo goberno Fraga. O único consenso coñecido viña sendo até o momento o existente entre  PP e  PSOE nesta materia, cos resultados xa coñecidos. No caso do novo Decreto, gozou do apoio dos tres grupos parlamentares, organizacións estudantís, sindicatos do ensino, confederacións de nais e pais do alunado, A Mesa, etc. Non coñezo un antecedente de norma legal –en forma de Decreto- con tan elevado nivel de acordo previo á súa publicación.
•	“Hasta o momento o galego non era un problema en Galicia. Practicábase o bilingüismo harmónico que deu os seus froitos”(sic). Froitos consistentes, efectivamente, en acelerada perda de falantes en galego, ou na consideración do sistema educativo como instrumento españolizador, tal e como indican os dados feitos públicos recentemente polo Consello Escolar de Galiza.
•	“Non conta co apoio do Consello Consultivo”. Ditame que non é vinculante, e órgano que non é neutro, nin imparcial nin obxectivo. Composición designada no seu día directamente por Manuel Fraga, inclúe algún declarado inimigo da nosa lingua e cultura.
•	“Polos dereitos, pola libertad, e pola educación de calidade”(sic). Aí chegamos. O galego, como é coñecido, é idioma intrinsecamente incompatíbel non só coa educación de cualidade senón que tamén coa liberdade e os dereitos. Dito doutro xeito, os galegos, na nosa propia Terra, non posuimos dereitos lingüísticos. Que no noso país a un neno galego-falante se lle impoña o español no ensino é  para Núñez Feijoo un signo de cualidade e de libre elección.
Alá o PP coa súa política. Nós aínda temos por diante o proceso de aplicación práctica do Decreto, que non vai ser tarefa doada. Terá que contar con todo o apoio e o esforzo de todas e todos aqueles que temos como bandeira a defensa do noso idioma nacional. Que non somos poucos. Dados estatísticos recentes demostran que a maioría do pobo galego é favorábel a introdución de medidas que introduzan o galego no ensino. Mesmo en segmentos que a día de hoxe non utilizan habitualmente a nosa lingua. Así que adiante. E remato con máis ánimo, que se me permitides, dirixo á miña compañeira Ermitas Valencia, digna concelleira de normalización lingüística (porfin!) no concello de A Coruña. Forza e coraxe!
Esquilma a frota galega? O caso do bacallau
A día de hoxe, as escasas unidades que fican operativas só poden faenar nas imediacións do arquipélago das Svalbard (zonas CIEM I e IIb), cunhas ridículas cotas de captura, que só permiten campañas pesqueiras durante unha media de tres meses ao ano. O resto (9 meses), os buques fican amarrados a porto, e os tripulantes na procura doutras alternativas laborais. A frota galega ten asumido unha cota de captura de bacallau para o presente ano 2007 de 9.294 tns, aproximadamente o 1’5% das capturas totais desta especie. Velaí a lamentábel realidade da nosa frota bacalloeira, que contrasta con esa outra visión fiticia –evidentemente interesada- que nos ten cualificado aos galegos, de xeito tan inxusto como irreal, de “esquilmadores do mar”.
Contra o que se poida pensar, o problema de fundo non se deriva do mal estado dos recursos, senón da distribución dos mesmos entre as diversas frotas. Galiza non conta con voz nin voto nese proceso de asignación de cotas, e o Estado español, historicamente, ten abdicado da defensa do sector pesqueiro galego neses caladoiros. En definitiva, o problema é eminentemente político, non de falta de recursos.
Claramente, o peculiar criterio de reparto de cotas de captura de bacallau que se ten utilizado, tamén por parte da Unión Europea, resulta abertamente discriminatorio con Galiza, pois relega á nosa frota a unha posición marxinal, excluíndoa na prática como frota comunitaria.
Basten algúns exemplos para ilustrar esta realidade marxinadora. En augas de Gronelandia (territorio, por certo, baixo soberanía danesa –estado membro da UE- mais que conta cun acordo pesqueiro coa propia UE), só poden faenar buques daneses, franceses, alemáns e británicos; nas illas Feroe (tamén dependentes de Dinamarca), buques de Alemaña, Franza, Reino Unido e Dinamarca; en Kattegat buques con bandeira de Dinamarca, Alemaña e Suecia; na zona IIIa do Mar do Norte (augas comunitarias nas que non deixan pescar aos buques galegos), poden faenar buques de Bélxica, Alemaña, Dinamarca, Franza, Holanda, Suecia, Reino Unido e Noruega (estado que non forma parte da UE!!); na zona III bcd, tamén en augas da UE, poden faenar buques de Dinamarca, Alemaña, Finlandia, Suecia, Letonia e Polonia; na zona de Skagerrak buques de Bélxica, Dinamarca, Alemaña, Holanda e Suecia. En todos estes caladoiros Galiza ten expresamente prohibida a pesca de bacallau.
Porén, e completamente á marxe da realidade descrita, en moitas ocasións tense construido, como cobertura ideolóxica de decisións políticas contrarias aos noso intereses, unha idea que ten calado en parte da sociedade galega: Que a pesca é unha actividade que ten que ir morrendo, que non ten futuro, e que ademais a frota pesqueira galega é especialmente “esquilmadora”. En definitiva, o caldo de cultivo ideal, no plano ideolóxico, para xustificar a desaparición do sector pesqueiro galego. Sexamos conscientes desta realidade e dos poderosos intereses económicos e comerciais, foráneos, que impulsan esta corrente de pensamento.
Unión Europea: Ruina da pesca galega
Desde instancias “progresistas” e “conservadoras” (na nova terminoloxía en uso, por non dicer desde o PP e o PSOE) dánselle os parabéns a este chuva de millóns de euros. “Todo o que veña para Galiza está ben”, dinnos. “Cantos máis cartiños, mellor”. “Precisamos da solidariedade europea”. “Por nós mesmos non podemos sair adiante…” Estes son os poderosos argumentos dos que fan bandeira da dependencia, da subordinación, da obediencia cega. Dese “europapanatismo” acrítico que tanto mal lle ten feito ao noso país e á súa conciencia.
Porén, e xa o denunciou o BNG, o importante non son os cartos que van vir a Galiza, senón o destino destas partidas, os seus obxectivos, a súa aplicación prática no sector pesqueiro galego e, sobretodo, os resultados. E así, temos que todos estes millóns de euros servirán, prioritariamente, para os seguintes obxectivos, non ocultados no FEP:
•	Axudas ao despece de buques pesqueiros.
•	Axudas á retirada temporal de buq	ues pesqueiros.
•	Axudas á retirada permanente de buques pesqueiros.
•	Xubilacións anticipadas de mariñeiros.
•	Reconversión de mariñeiros a outras actividades laborais.
•	Subvencións para a reasignación de buques pesqueiros a outras actividades distintas da pesca.
•	Subvencións para o afundimento de buques pesqueiros para criaren arrecifes artificiais.
Este é o panorama. Que non nos enganen: A Unión Europea continúa a inxectar morfina institucional –cartos- para procurar unha morte dóce, sen dor, ben subvencionada, para un sector produtivo como a pesca. O resto é propaganda e unha visión falseada, suaviña e mol do que en realidade é a Unión Europea, e do modelo específico de inserimento da Galiza e do sector pesqueiro galego no seu seo. O que nos ven enriba, meus amigos e amigas. Iso si, máis unha vez, o nacionalismo galego, en solitario, na defensa da pesca galega e do futuro desta vella nación mariñeira que é Galiza.
MARIÑEIROS GALEGOS SEN DEREITOS CIVÍS
Tamén é unha grande preocupación para o Goberno español garantir o dereito ao voto por parte de, por exemplo, as tropas españolas de ocupación no Afganistán. E así vai ser. Como xa aconteceu no seu día no Iraque, estabeleceranse mesas electorais de campaña para posibilitar o voto de oficiais e soldados.
Mentres, milleiros de mariñeiros galegos embarcados nas frotas de altura e grande altura ou da mariña mercante en todos os mares do mundo non teñen recoñecidos os seus dereitos civís. Svalbard, NAFO, Mauritania, Angola, Guiné, Malvinas, Índico, Pacífico,… son algúns dos caladoiros nos que faena a nosa frota pesqueira, e nos que se botan moitos meses sen tocar porto, encontrándose en moitas ocasións en alta mar durante todo o proceso electoral, desde a súa convocatoria até o día das votacións.
Non é de recibo que a estas alturas haxa un importante colectivo de traballadores que non poden votar nin ser votados, “base democrática” do réxime político vixente. Si son cidadáns, os mariñeiros, para pagaren os seus impostos, mais non para lles seren recoñecidos os seus dereitos sociolaborais (o 85% dos mariñeiros galegos carecen de convenio colectivo) nin civís, como o de poder votar.
Esta situación é imoral e escandalosa, e representa unha auténtica fraude democrática. Non se pode falar en rigor de democracia cando existen milleiros de traballadores deste país que non poden votar, non porque non queiran, senón porque o Goberno español non lles recoñece dereitos civís. Así de sinxelo.
Neste ámbito si hai acordo entre PP e PSOE, e nin migalla de “crispación”. Puros intereses electorais. Non hai problema en aproveitarse da miseria da emigración galega en Sudamérica, en inflar censos ou mesmo facer votar aos mortos (e non vos é cousa de Iker Jiménez, senón da “legalidade” española). O problema, que non é técnico, senón político, é que hai mariñeiros galegos cun voto que non é teledirixíbel dende Madrid ou dende os servizos consulares. Ou que teñen na CIG o sindicato maioritario en moitas destas frotas. Aí cambia o conto!